A ex xerente de Adif en Galicia, Isabel Pardo de Vera, é a nova directora de Mobilidade da Deputación

Pontevedra
25 de febreiro 2016

O cargo provincial, que estaba vacante ata o de agora -ocupado en funcións por un xefe de servizo-, foi cuberto logo dun procedemento aberto mediante convocatoria pública, segundo informaron este xoves en rolda de prensa o vicepresidente provincial César Mosquera e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez

Isabel Pardo de Vera, Directora de Mobilidade da Deputación
Isabel Pardo de Vera, Directora de Mobilidade da Deputación

A ex xerente de área de Adif en Galicia, Isabel Pardo de Vera, é a nova responsable do servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra dende hai unha semana.

O cargo provincial, que estaba vacante ata o de agora -ocupado en funcións por un xefe de servizo-, foi cuberto logo dun procedemento aberto mediante convocatoria pública, segundo informaron este xoves en rolda de prensa o vicepresidente provincial César Mosquera e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez.

A idea do goberno provincial é que o departamento provincial de infraestruturas traballe de modo "máis ordenado, rápido e eficaz deixando a un lado os criterios políticos que rexían ata o de agora", dixo Mosquera.

O nova responsable do servizo, funcionaria dependente do Ministerio de Fomento dende 2007 ata a súa incorporación na Deputación, asegurou que o seu obxectivo é "reestruturar o departamento e realizar unha xestión dos recursos humanos que permita unha maior eficiencia dos recursos públicos", así como "levar adiante unha política de mobilidade sostible baseada nos criterios de actuación marcados políticamente e que eu comparto", en referencia ao decálogo de criterios de actuación nas vías provinciais aprobado no último pleno.

De feito, sinalou, que se non compartise esa visión da mobilidade "non tería aceptado a responsabilidade".

Uxío Benítez sinalou que a finalidade última de incorporar novos técnicos ao servizo de Mobilidade (anterior servizo de Infraestruturas) é "cambiar radicalmente as cousas" con respecto a como se facían nos últimos anos do "Goberno Louzán".

Benítez explicou que nos meses que o novo goberno da Deputación leva traballando na institución detectouse que o servizo de Mobilidade estaba descabezado de persoal técnico cualificado. Así, para a xestión de máis de 140 traballadores só había dous enxeñeiros técnicos, un que ocupaba en funcións o cargo de director e outro máis.

Por outra banda, sinalou que nos últimos anos houbo unha "preponderancia clara do criterio político sobre o técnico" á hora de decidir as actuacións en materia de infraestruturas, facendo obras discrecionalmente onde decidía o equipo de goberno.