A Escola Naval acollerá a entrega do Premio AJE Pontevedra

Marín
25 de outubro 2023

A gala será o venres 24 de novembro. O prazo para presentar candidaturas xa está aberto para xóvenes empresarios e emprendedores menores de 41 anos

Presentación da nova convocatoria do Premio AJE Pontevedra
Presentación da nova convocatoria do Premio AJE Pontevedra / Concello de Marín

A Escola Naval Militar acollerá o próximo 24 de novembro o seu XXVI Premio AJE Pontevedra 2023, para o que se abriu desde este mércores o prazo de presentación de candidaturas.

Así foi anunciado nunha comparecencia no Concello de Marín na que participou a alcaldesa, María Ramallo, así como a concelleira de Promoción Económica, Beatriz Rodríguez, e por parte da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) a súa presidenta María Buceta; Víctor Riobó, vocal da directiva; Ceferino Nogueira, tesoureiro; Enrique Torres, xerente, e o director de arte da empresa de publicidade que deseñou a imaxe do premio, Andrés Froiz.

O premio ten por obxectivo recoñecer e premiar o labor daqueles emprendedores e empresarios novos que, co seu esforzo e adicación, contribúen día a día a crear riqueza e emprego na provincia.

Esta edición ten dúas categorías: o premio Novo Empresario 2023 e Iniciativa Emprendedora 2023, cada unha delas dotada dun cheque económico para gastos de consolidación de 500 euros, un ordenador persoal, un cheque de 6.000 euros en formacións de Galicia Business School e un ano de afiliación gratuíta en AJE.

Ademais, haberá dúas mencións de honra, unha en Innovación e outra en Responsabilidade Social Empresarial. Neste caso, o premio de cada unha consistirá nun ipad, un cheque de 2.000 euros en formacións da Galicia Business School e 6 meses de afiliación gratuita a AJE.

Poden presentarse á candidatura todos aqueles empresarios novos e emprendedores menores de 41 anos e cuxa iniciativa empresarial estea constituida con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022. Toda a información e as bases poden consultarse na páxina web de AJE e o prazo rematará o 19 de novembro.

Buceta quixo recalcar "a importancia que ten para nós precisamente facelo en Marín, porque é o concello da contorna que máis nos ven apoiando e colaborando con nós". Unha idea que reforzou a alcaldesa, que lembrou que "levamos varios anos colaborando con AJE, que son ademais os que se encargan da xestión do Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria do Parque Azul, ao que queremos darlle aínda máis pulo e máis movemento", asegurou.

Ramallo quixo facer unha chamada de atención "sobre a importancia que ten o talento na nosa provincia. Sempre que asisto a edicións destes premios quédome abraiada da cantidade de persoas mozas que apostan por unha saída profesional innovadora, aportando valor á nosa economía e xerando unha riqueza que non podemos desaproveitar, senón apoiar e visibilizar".