A escola é un dos puntais do Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación. Así o manifestaron este martes a presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera na inauguración do II Congreso de Educación Ambiental sobre compostaxe para centros de ensino de Pontevedra que se celebrou no Pazo da Cultura e que reúne a máis de 350 escolares de Cambados, Vilaboa, Sanxenxo, Silleda, Pontevedra, Caldas e Gondomar.
No acto estiveron tamén o director do Centro de Educación e Investigación Ambiental de Galicia (Ceida), Carlos Vales, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
O impulsor do Plan Revitaliza, César Mosquera, lembrou que foron máis de 10.500 nenos os que traballaron sobre o Plan Revitaliza con obradoiros e charlas grazas ao Ceida e subliñou que a difusión da compostaxe entre escolares "é un dos feitos máis relevantes deste plan".
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou tamén a necesidade de comprometerse co Medio Ambiente, sobre todo desde os centros educativos e amosou a súa satisfacción pola implicación do alumnado nos proxectos.
O director do Ceida, Carlos Vales, dixo que os rapaces son "axentes multiplicadores" das bondades da compostaxe que reciben información, sensibilización, participación e capacitación grazas aos obradoiros desenvolvidos ao longo do curso.
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, indicou que "todos, sobre todo os que gobernamos, temos a obriga de impedir que o planeta se deteriore e de deixalo máis limpo e con mellor saúde".