A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia de Pontevedra incorpora para este curso académico novo instrumental para o desenvolvemento das clases, tanto no propio centro, situado no edificio que comparte coa Facultade de Belas Artes, como nos traballos de campo.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, informa de que acaba de realizar un investimento de máis de 30.000 euros en melloras para a Escola de Restauración.
En concreto, o departamento autonómico financiou a adquisición dun equipo de análise de material do tipo Raman Portátil e comezou coa implantación do sistema de renovación de aire nos talleres.
O Raman Portátil vaise empregar para os traballos de campo nos que participa esta escola, ben realizando informes e estudos previos ou nas campañas que se efectúan co alumnado, especialmente na área de Arqueoloxía. Trátase dun aparello de última xeración que emprega unha técnica de análise non destrutiva para caracterizar compostos orixinais presentes nos obxectos que forman o patrimonio cultural.
Por outra banda, o sistema de renovación de aire nos talleres xa se instalou no último andar e, progresivamente, irase despregando polas outras dúas plantas co obxectivo de favorecer a ventilación nas salas nas que se empregan produtos nocivos como disolventes ou vernices.
A Escola de Restauración acaba de celebrar o 30 aniversario da súa creación, sendo o segundo centro oficial que se abriu en España. Este curso académico 2021/2022 arrinca con máis dun cento de alumnos e todas as prazas cubertas no seu primeiro curso. Oferta as especialidades de Escultura, Pintura e Arqueoloxía.
O xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez, acudía ata o centro acompañado do servizo de inspección educativa para comprobar o funcionamento neste comezo de curso e para supervisar os novos investimentos en dotación de material.