A Escola de Igualdade María Vinyals acolleu este martes na súa sede do castelo de Soutomaior unha xornada na que se sacou á luz o imprescindible camiño que están a abrir as mulleres referentes nos eidos da innovación tecnolóxica, o emprendemento e a transformación dixital fronte ás desigualdades que seguen a marcar estes ámbitos.
A xornada estivo promovida no marco da Axenda 2030 pola Deputación de Pontevedra e a Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela.
A nova cita da escola, que tivo como broche final a participación da referente en intelixencia artificial Amparo Alonso, congregou no castelo a máis dun cento de persoas, entre elas alumnado e docentes do IES Luis Seoane de Pontevedra, centro referente en igualdade.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, lamentou no foro que "hai un sistema que nos impide pasar dese enorme coñecemento que temos a dirixir o mundo en igualdade de condicións. Queremos ocupar o 50% porque a sociedade estase perdendo construír un mundo mellor".
Pola súa parte, María Cadaval, directora da Cátedra Iberoamericana, subliñou que con esta xornada tamén se pretende "que as nenas e nenos vexan que hai referentes femininas en ámbitos masculinizados, non masculinos".
"Innovación tecnolóxica e xénero" foi o tema central da primeira das mesas de debate, que coordinou a experta en transformación dixital no sector público Mar Rodríguez.
Nela, María Camacho, directora de negocio da firma Plexus TEC incidiu en que "temos que romper barreiras e ten que haber políticas que incentiven que as mulleres esteamos en todos os niveis das empresas tecnolóxicas" e puxo como exemplo o permiso de paternidade de 16 semanas.
Berta Caro, directora de desenvolvemento corporativo de Tecalis, afondou na "transformación dixital, que xa está nas nosas vidas e na que debe haber mulleres para poder mellorala". Tamén puxo o foco nas "power skills", como a intelixencia emocional, a resiliencia ou a xestión eficiente do tempo "que teñen "avorecido moitísimo a entrada das mulleres no sector".
Ana Malde, executiva de Accenture, falou do que supón "o momento da maternidade" para as mulleres traballadoras e deixou claro que "o fomento da igualdade ten que partir da administración pública, o seu papel é fundamental para poder combater a nosa discriminación nas empresas".
Sandra Castro, executiva de contas de Fuell, engadiu que "as empresas temos unha responsabilidade enorme en romper estereotipos de xénero". Tamén se referiu á importancia da "sororidade" e á loita contra o síndrome da impostora.
A segunda das mesas puxo de relevo distintas experiencias no emprendemento feminino e a innovación no sector primario. Teresa Táboas, arquitecta e administradora de Sementares SL, manifestou que "ás veces tocamos na clave errada, e hai que interpretar a melodía destes tempos complexos na clave exacta de Re, Recuperar, Repensar e Revolucionar o rural coa forza das mulleres".
Sandra Amézaga, secretaria da Asociación Mulleres Salgadas, incidiu na "falta de visibilidade" das mulleres do mar en Galicia, e neste senso lembrou a iniciativa do seu colectivo para crear un observatorio galego de xénero do sector pesqueiro "que ofreza estatísticas e un diagnóstico deste sector, que é un descoñecido, e axude a implementar políticas adecuadas".
Pola súa banda, Elisa Rubí Cano, socia da Adegas Terra de Asorei e profesora de Química, apuntou que o gran déficit neste sector para as mulleres "está no mundo das persoas técnicas". "No día a día no campo e o coidado da viña son homes. Hai enólogas, e nas bodegas van entrando mulleres, pero no sector do coidado da viña non", apuntou.
E Silvia Chaves Freire, xerenta en Transportes e Madeiras Chaves, engadiu que no seu sector "queda moitísimo por traballar e hai que visibilizar ás mulleres que están, tanto en postos de xerencia como as condutoras, que cada vez son máis, para darlle a oportunidade a outras de atopar un nicho laboral".
Pola tarde, a xornada continuou coas aportacións realizadas por tres mulleres emprendedoras que iniciaron os seus proxectos aliñadas coa universidade. Eva López Barrio, coordinadora do programa Innovatia 8.3 da Universidade de Santiago foi a moderadora da mesa na que Catalina Fernández de Ana, directora xeral de Hifas da Terra; Diana Lameiro, directora do Centro Lingoreta e Vanesa Redondo, promotora de Proplantaee, amosaron a súa experiencia profesional neste eido.
A clausura da xornada correu a cargo da catedrática e autoridade en materia de intelixencia artificial en España, Amparo Alonso, quen defendeu xa no seu título que "a IA debe ser feminista".
Na charla, incidiu en que "a tecnoloxía non é inocua en cuestións de xénero e que podemos encontrarnos con algoritmos e moitas veces con conxuntos de datos do mundo real, que están sesgados, xa que a sociedade está sesgada".
"É importante –apuntou- que teñamos isto en conta, para ‘vixiar’ que os sistemas de Intelixencia Artificial non dean resultados nesgados, que perpetúen ou mesmo fagan crecer as desigualdades de xénero". Sinalou que esta é unha das consideracións que se tratan na regulación que se está a construír na Unión Europea, "da que se ocupará tamén a futura Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial da que se fala estes días nos medios".
Alonso referiuse ao custe económico da desigualdade na economía ao subliñar que a igualdade "é un valor fundamental da Unión Europea" e a súa mellora "podería levar a un incremento no PIB de ata 3,15 trillóns de euros en 2050". Neste senso lembrou que "no 66% das empresas TIC non hai mulleres directivas" e apuntou que "en 2021 o 45% dos empregos estaban relacionados co ámbito dixital".
A catedrática puxo a vista no 2025, cando o 84,6% do emprego da Unión Europea e o 69,8% en España "será realizado por persoas con formación media e alta en tecnoloxía". Así, destacou a necesidade de "incluír a informática na educación dende as primeiras etapas, sensibilizar ao profesorado sobre o xénero nas TIC ou visibilizar a profesionais que sirvan como referentes".