A Escola de Forestais é o primeiro centro do campus en recibir o Q de calidade

Pontevedra
15 de setembro 2017

Trátase dun selo propio da universidade, co propósito de visibilizar o traballo realizado neste eido

A Escola de Forestais é primeiro centro do campus en recibir o Q de calidade
A Escola de Forestais é primeiro centro do campus en recibir o Q de calidade / Universidade de Vigo

A Comisión de Calidade da Universidade de Vigo acordou outorgar á Escola de Enxeñaría Forestal o Q de calidade, un selo propio co que a institución académica busca recoñecer e dar visibilidade aos méritos acadados neste eido por facultades, escolas, servizos, laboratorios ou centros de investigación.

Este recoñecemento chega despois de que en xuño do pasado ano, a Escola de Enxeñaría Forestal acadase ser o primeiro centro do campus de Pontevedra en obter a certificación á implantación do seu sistema de garantía interna de calidade por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

Fíxoo despois de superar a avaliación dunha comisión externa encargada de verificar a correcta implantación no día a día do centro do sistema do que este se dotara en 2009.

O reitor, Salustiano Mato, foi o encargado de facer entrega desta distinción, a primeira acadada por un centro do campus pontevedrés, ao director da escola, Juan Picos, e a súa subdirectora e responsable de Calidade, Ángeles Cancela, nun acto celebrado na sede da Reitoría.

"Trátase dun recoñecemento a un traballo que é o resultado da colaboración de todo o mundo no centro e permítenos demostrar ante terceiros a calidade da escola e súas boas prácticas ", salientou Picos.