A Escola de Cantería de Poio incorpora catro novas titulacións tras a súa conversión nun centro integrado de FP

Poio
01 de xuño 2024

Este impulso dado pola Xunta supón un cambio que se traduce "en melloras imporantes para o alumnado" xa que, a partir deste curso, ensinanzas que ata agora eran consideradas como formación non formal pasarán a ser títulos oficiais, ademais de permitir que os antigos alumnos, que non tiñan un título homologado, poidan acreditar a experiencia profesional

Visita á Escola de Cantería
Visita á Escola de Cantería / Xunta de Galicia

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, achegouse á Escola de Cantería de Poio para dar conta das novidades académicas para este centro, logo de que o goberno autonómico asumira a súa titularidade o pasado ano para convertelo nun centro público docente dependente da Consellería.

Este impulso dado pola Xunta coa súa incorporación á Rede de Centros Integrados de FP e o reforzo da oferta formativa con catro novas titulacións para o vindeiro curso 2024-25, supón un cambio que se traduce "en melloras imporantes para o alumnado".

A partir deste curso, ensinanzas que ata agora eran consideradas como formación non formal pasarán a ser títulos oficiais, ademais de permitir que os antigos alumnos, que non tiñan un título homologado, poidan acreditar a experiencia profesional.

"Neste traspaso asumimos o compromiso de potenciar o oficio da cantería en liña coas novas necesidades e demandas do sector", explicou o conselleiro, quen adiantou que esta nova oferta se aproborá no Consello da Xunta do luns e nela haberá "un novo récord de prazas" e "un salto de calidade" nos estudos de cantería en Galicia.

De xeito paralelo, o goberno autonómico está ultimando os trámites para incorporar a Escola á Rede de Centros Integrados de FP como un CIFP especializado no sector da edificación, a construción e a cantería, polo que serán xa 28 os centros que formen parte desta rede que está en constante ampliación. Trátase duns obxectivos fixados na Estratexia FP Galicia 2030.

Con esta inclusión, a Xunta busca "recuperar e potenciar o oficio da cantería, un dos máis antigos e representativos de Galicia e un dos eidos con máis dificultades de relevo xeracional", subliñou o conselleiro.

Tamén explicou tamén que a oferta deseñouse tendo en conta tamén a crecente demanda das empresas de contar con persoas que dispoñan das competencias necesarias para empregar as últimas tecnoloxías e materiais, co obxecto de ofrecer solucións innovadoras no eido construtivo.

Neste sentido, a partir de setembro incorporarán catro novas titulacións das cales dúas son ciclos duais e outra é unha titulación de alta especialización. Suman un total de 92 prazas de nova oferta co obxectivo de seguir crecendo ano tras ano ata superar as 300.

Trátase do ciclo básico en Reforma e Mantemento de Edificios (18 prazas), dos ciclos de FP dual en Construción (22 prazas) e en Proxectos de Edificación (30 prazas) e da titulación de alta especialización en Pedra Natural especializada en cantería (22 prazas), unha das 13 deste tipo que entran novas este curso en toda Galicia.

Na visita á Escola de Cantería, o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e por representantes das empresas Construcciones Hermanos Sanz, Construcciones Ramírez, Aluminios Cortizo, e San José Constructora, que colaboran coa Formación Profesional neste centro. O alcalde de Poio, Ángel Moldes, foi o encargado de dar a benvida a todos os asistentes.