A Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra (EOI)) prepárase para iniciar un novo curso académico cunha oferta educativa cada vez máis diversificada, adaptándose ás múltiples necesidades e modos de aprendizaxe dun alumnado en constante evolución.
A EOI de Pontevedra aposta pola diversificación cunha oferta de cursos que contempla diferentes modalidades, para que cada estudante atope a formación que mellor se adapte ao seu estilo de aprendizaxe. Este centro público conta con opcións que inclúen cursos ordinarios presenciais, semipresenciais e a distancia, así como programas intensivos.
María Fernández, a vicedirectora da EOI de Pontevedra, lembra que estudar unha segunda lingua aumenta a posibilidade de atopar traballo. Diversos estudos constatan que o dominio de idiomas segue sendo unha das habilidades con maior demanda no mercado laboral.
Segundo a análise de Randstad, empresa líder mundial en recursos humanos, o coñecemento dunha segunda lingua pode incrementar as posibilidades de acceder a un emprego nun 37 %, xa que máis do 26 % de ofertas de traballo esixe o coñecemento dalgún idioma estranxeiro. Ademais, para ocupar un cargo directivo, estas oportunidades aumentan ata o 70 %.
As clases comezarán a próxima semana de maneira gradual: os niveis avanzados C1 e C2 iniciarán o mércores 11 de setembro; os intermedios B1 e B2, o 12; e os niveis básicos A1, A2 e A1-A2, o 13 de setembro. Pola súa banda, os cursos CELGA, monográficos e o programa That’s English empezarán o 16 de setembro. Cada grupo comezará no día que lle corresponde por horario.
A EOI de Pontevedra, situada na Rúa Celso Emilio Ferreiro, s/n, e con aulas no Instituto Valle Inclán, así como nas seccións de Lalín e A Estrada, mantense á vangarda da dixitalización coa oferta de programas e ferramentas que facilitan o acceso á aprendizaxe.
O prazo de matrícula para o curso 2024-25 finaliza o 20 de setembro
O prazo de matrícula para este curso 2024-2025 finaliza o 20 de setembro. O horario de secretaría é: de luns a venres de 09:00 - 14:00 horas e xoves de 16.00 - 20.00, e o teléfono de contacto é o 886 159 116.
Dende hai máis de 30 anos, a escola posiciónase como un referente no ensino de idiomas. Nas súas aulas, pódese estudar alemán, francés, galego, inglés, italiano e portugués.
As súas titulacións oficiais puntúan no caso de concurso-oposición e, para os estudantes universitarios, computan por créditos de libre configuración.
Ademais, a EOI oferta cursos para a obtención dos diferentes niveis do CELGA e de linguaxe administrativa galega en liña, así como cursos monográficos para persoas que queren aprender unha lingua pero non necesitan unha titulación oficial.
A maiores, o alumnado pode participar en diversas actividades culturais que enriquecen a súa experiencia, como conferencias, presentacións de libros, ciclos de cinema e clubs de lectura.
Toda a información sobre a oferta de idiomas, modalidades de ensino, prazos de matrícula e horarios está dispoñible na súa páxina web: www.edu.xunta.gal/centros/eoipontevedra.