O Servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), xunto a outros dous centros en España, foi seleccionado para realizar a proba de dous sistemas de endoscopia con intelixencia artificial avanzada, que completaron con éxito a súa implantación no centro hospitalario pontevedrés.
A compañía Olympus cede estes equipos que completan a oferta tecnolóxica da área de endoscopia. Desta forma, este Servizo de Dixestivo é un dos poucos en todo o mundo que utiliza estes sistemas de endoscopia que permiten mellorar a exploración de pólipos e adenomas.
Juan Turnes, xefe do servizo de Dixestivo, explica que grazas á intervención en diversos proxectos de investigación, o departamento conta con sistemas de intelixencia artificial que permite a detección de lesións colorrectais no 80% das salas de endoscopia do CHUP. Este doutor aposta de maneira firme desde os seus inicios pola innovación tecnolóxica en materia sanitaria.
Esta selección para formar parte deste estudo, segundo a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, mostra a capacidade loxística e técnica do servizo de Dixestivo de Pontevedra na avaliación destes instrumentos.
Recentemente, este servizo anunciaba a posta en marcha do sistema PolyDeep, de deseño totalmente galego e que forma parte dun proxecto do IIS Galicia Sur no que participan varias áreas sanitarias.