A empresa "Termas de Cuntis" mostra o seu interese no proxecto do Balneario de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
05 de xuño 2015

O alcalde en funcións, Perfecto Rodríguez reuniuse con representantes desta empresa e entregoulles un informe completo no que figuran as características do proxecto así como as autorizacións urbanísticas e administrativas

Diseño de Balneario do Estudio A-Cero
Diseño de Balneario do Estudio A-Cero / Concello de Ponte Caldelas

Os propietarios da empresa "Termas de Cuntis" manifestaron interese no proxecto do balneario de Ponte Caldelas durante unha reunión mantida esta mesma semana co alcalde en funcións do municipio, Perfecto Rodríguez, nas instalacións que esta empresa ten na vila termal.

Segundo informan dende a Alcaldía, esta reunión produciuse en Cuntis, por proposta da empresa, co fin de que Perfecto Rodríguez lle puidese entregar un completo informe informativo no que figuran as características do proxecto do Balneario. O proxecto conta con todas estas autorizacións.

Perfecto Rodríguez insistiu ante os seus interlocutores na idoneidade e vixencia do proxecto do Balneario de Ponte Caldelas, ligado á súa localización tradicional xunto ao río Verdugo, e ofreceuse para interceder ante o SAREB (banco malo) co fin de facilitar ao máximo o contacto cos responsables desta entidade co obxectivo de favorecer a posible adquisición dos terreos por parte desta empresa.

Así mesmo, Rodríguez insistiu durante a reunión na viabilidade do proxecto e brindouse a acompañar a empresa no suposto de que decidan levar adiante o proxecto, en todos os labores administrativos e de xestión necesarias dende o punto de vista urbanístico e administrativo xa que coñece, dende o principio, a xestación e o estado no que se encontra calquera trámite ou licencía que permita retomar esta iniciativa.

CONTACTOS INICIADOS HAI MÁIS DUN MES

Os contactos coa empresa se tiñan iniciado fai xa máis dun mes e o alcalde en funcións de ponte Caldelas entón trasladáralles cumprida información sobre as enormes posibilidades que presenta este proxecto dende o punto de vista turístico e mineromedicinal.

"ESPEREMOS QUE NON SE MALOGRE CUN TRIPARTITO"

O alcalde en funcións expresou o seu desexo de que este proxecto "non se malogre cun tripartito, con trabas absurdas como sucedeu en tempos do bipartito na Xunta".