O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xusticia e Turismo, Alfonso Rueda avanzou, que tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia na edición deste mércores, renovase a encomenda con Seaga para este ano do programa galego de vixilancia e control fronte á vespa velutina, ao que se sumaron a practica totalidade dos concellos galegos.
Alfonso Rueda visitou hoxe a sede que a empresa ten na parroquia pontevedresa de Salcedo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto e do director-xerente da empresa, Pablo Arbones onde destacou o éxito desta iniciativa posta en marcha o pasado ano entre Xunta e Fegamp e á que este ano se suman 300 concellos galegos, o 96% do total.
O orzamento da encomenda para este ano ascende a 1,7 millóns de euros destinados á execución dos traballos. En termos xerais, o prazo máximo será de 5 días hábiles desde que se recibe o aviso no Teléfono de Información e Atención á Cidadanía 012. En casos de espacial dificultade para a retirada por requirir de outras medios adicionais para o tempo de resposta poderá ser superior a ese prazo.
A Xunta e a Fegamp acordaron o ano pasado poñer en marcha de maneira coordinada e conxunta este Plan para a retirada dos niños da vespa velutina en toda a comunidade, o que supuxo a colaboración cos concellos nas labores de retirada e extinción de niños. No marco deste programa, a Xunta actuou en 2020 en 285 concellos e o operativo de Seaga encargado da encomenda retirou 16.700 niños: 8.640 deles na provincia da Coruña, máis de 2.000 na de Lugo, máis de 1.300 en Ourense e case 5.000 na de Pontevedra.
A empresa conta cun equipo de coordinación que organizará aos equipos de intervención, dotados con todo o material e medios necesarios para a realización das actividades en condicións de seguridade (EPIs, pértegas, escopetas, marcadoras, insecticida, transporte, material informático...).
A Xunta xa reforzou o ano pasado os recursos do equipo coa adquisición de novas marcadoras de aire comprimido de gran alcance, pértegas de fibra de carbono e bombas de batería para a impulsión de biocida. Ademais, o persoal disporá da formación requirida na lexislación vixente.