A empresa Samaín xestionará o centro de día de Sanxenxo ata mediados de 2026

Sanxenxo
01 de marzo 2022

Sanxenxo pagará un máximo de 2,6 millóns de euros durante estes catro anos, uns 500.000 euros máis dos que se destinaban ata o de agora a este servizo. A cifra está calculada sobre o número máximo de prazas, que serán 80, pero a empresa cobrará en función do número de usuarios

Actividade no Centro de Día Virxe do Carme de Sanxenxo
Actividade no Centro de Día Virxe do Carme de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

A xestión do centro de día Virxe do Carme de Sanxenxo estará en mans da empresa Samaín Servizos á Comunidade durante o próximos catro anos. Así o propuxo o organismo autónomo Terra de Sanxenxo tras resolver o proceso de licitación aberto.

Sanxenxo pagará un máximo de 2,6 millóns de euros durante estes catro anos, uns 500.000 euros máis dos que se destinaban ata o de agora a este servizo.

A cifra está calculada sobre o número máximo de prazas, que serán 80, pero a empresa cobrará en función do número de usuarios e aplicará un desconto sobre o total.

Na actualidade, as instalacións dan servizo a 52 familias, aínda que ten capacidade para 80 usuarios. O custo real dunha praza no centro de día é de 544 euros.

A gran maioría de usuarios abona cantidades moi baixas. Así, oito familias non pagan nada, cinco abonan entre 0 e 100 euros, once entre 100 e 200 euros e sete entre 200 e 300.

A media de idade do centro sitúase actualmente nos 84 anos, sendo a gran maioría mulleres, ata un 77% do total, feito que vén mantendo desde a apertura do centro e como é habitual neste tipo de servizos.

O centro de día busca prestar unha atención integral e plural, en xornada diúrna, a aquelas persoas maiores que, aínda faltos da súa independencia ou autonomía, manteñen un medio de vida familiar suficiente ou unha contorna social que lles serve de apoio e que non lles fai precisar o seu ingreso nun centro residencial.

A adxudicataria do servizo deberá reforzar cun auxiliar de xeriatría máis o persoal actual formado por un traballador social, unha directora supervisora, unha educadora social, unha terapeuta ocupacional, un fisioterapeuta, seis auxiliares de xeriatría, un ATS, tres monitores socioculturais, un cociñeiro, dúas limpadoras e dous condutores.

Ademais, a empresa mellorará a comunicación coas familias cunha aplicación móbil familiar Wappa Senior, a través da que se notificará a información diaria do centro.

O horario de actividade do centro de día é de luns a venres, desde as 9:00 ás 19:30 horas, excepto os días 24 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro que pecha ás 16 horas. O servizo de transporte comeza o roteiro ás 8:00 (hora de saída do centro) e finaliza ás 20:30 (hora de chegada ao centro). O centro está pechado os sábados, domingos e festivos.