A empresa que acondicione a sede municipal de Ferreiros terá cinco meses para facelo

Pontevedra
26 de decembro 2018

Un total de 1.247.000 euros. É o prezo polo que sae a licitación o contrato para acondicionar as novas dependencias que o Concello adquiriu na rúa dos Ferreiros e que acollerán, unha vez estean habilitadas, diferentes servizos municipais

Local da rúa dos Ferreiros que comprará o Concello
Local da rúa dos Ferreiros que comprará o Concello / Mónica Patxot

Un total de 1.247.000 euros. É o prezo polo que sae a licitación o contrato para acondicionar as novas dependencias que o Concello adquiriu na rúa dos Ferreiros e que acollerán, unha vez estean habilitadas, diferentes servizos municipais.

As empresas interesadas terán que executar estas obras nun prazo máximo de cinco meses, segundo explicou a edil que, este mércores, actuou como portavoz do goberno municipal, Carme da Silva.

O local que o Concello de Pontevedra adquiriu na rúa dos Ferreiros ten 1.328 metros cadrados de superficie e nel instalaranse os servizos municipais de Xestión Tributaria, Tesourería e Urbanismo, nos que traballan máis de 70 persoas.

Noutra orde de asuntos, o Concello aprobou a modificación do contrato do servizo de axuda no fogar á empresa Idades. Este trámite prodúcese despois de que a Xunta comunicase un aumento de horas de atención, que pasará de 98.000 a case 115.000 horas. Así, o servizo pasará a custar 1.708.730,56 euros cada ano, un 20% que ata agora.

Ademais, saíu a contratación unha serie de obras de acondicionamento de camiños en Lourizán, nos lugares de Rial, Rorís e Meán, onde se investirán 184.809 euros para renovar o firme e instalaranse servizos de saneamento e abastecemento de auga. As obras, que son moi complexas pola estreiteza dos camiños, deben executarse en catro meses. 

A Xunta de Goberno prorrogou tamén o convenio anual coa Fanpa, para financiar as súas actividades extraescolares, por 210.000 euros; e aprobáronse os cambios no borrador do convenio coa Xunta pola estación intermodal, obras das que o Concello asumirá 1.247.000 euros dos 6.152.000 euros que se investirán.