A empresa Proyfe redactará o proxecto construtivo para a mellora da estación de bombeo de augas residuais de Mogor

Marín
02 de febreiro 2022

Os traballos, que suporán un investimento autonómico que supera os 92.000 euros, contan cun prazo de execución de 6 meses

Vista aérea da Ría de Pontevedra
Vista aérea da Ría de Pontevedra

Augas de Galicia adxudicou este mércores a redacción do proxecto construtivo para a mellora da estación de bombeo de augas residuais de Mogor, no concello de Marín. Este contrato, cun investimento autonómico que supera os 92.000 euros, foi adxudicado á empresa Proyfe S.L. O prazo de execución dos traballos é de 6 meses.

As actuacións obxecto deste contrato recaen sobre a estación de bombeo denominada 'Mogor 2' e consisten nas análises da viabilidade, alternativas, anteproxecto e proxecto construtivo da obra de mellora das instalación existentes.

O obxectivo do proxecto construtivo é adaptar a capacidade de impulsión a estación de bombeo 'Mogor 2' á poboación servida e de reter o exceso de auga en tempo de choiva, acondicionando a infraestrutura actual e intentando conseguir un volume de retención duns 500 metros cúbicos.

Trátase de resolver a problemática do servizo na área rural oeste do concello de Marín, que engloba un gran número de bombeos en zonas rurais e urbanas dispersas que operan en cadea. Moitos deles non dispoñen de sistema de desbaste, o que provoca atascos e os consecuentes alivios ao medio. As redes, en xeral, son separativas aínda que ao seren moi extensas, hai zonas nas que se produce a entrada de augas pluviais, o que provoca certos alivios en tempo de choiva.

O bombeo de 'Mogor 2' é un dos principais da zona occidental do concello de Marín e recibe as augas procedentes dos bombeos 'Goleta' e 'Mogor 1', ademais de colectores que descargan por gravidade. A superficie total que finalmente descarga no bombeo 'Mogor 2' é moi extensa e en tempo de choiva recibe caudais moi elevados que provocan alivios ao medio receptor. Outro dos problemas que presenta o bombeo é que a súa capacidade é superior á que pode absorber o colector interceptor actual. 

Esta actuación cofinanciarase polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

 

Arquivado en