A empresa propietaria de Elnosa confirma o peche da factoría e culpa o Concello pola súa "oposición destrutiva"

Pontevedra
23 de novembro 2018

Bondalti, empresa propietaria de Elnosa, confirma que continuará en Galicia coa actividade comercial e manterá a base loxística no porto de Vigo. Indica que se viu obrigada a "abrazar" un novo proxecto industrial en Torrelavega

Elnosa en Lourizán
Elnosa en Lourizán

Elnosa-Electroquímica do Noroeste S.A.U. confirmou este venres que pechará definitivamente a súa unidade industrial en Pontevedra. Xustifica a causa deste peche en que non se dan as condicións legais que permitan investir para modernizar e manter a factoría activa.

A propietaria de Elnosa, Bondalti, afirma que a empresa continuará operando con actividade comercial en Galicia e manterá a base loxística no porto de Vigo. Seguirá a estrutura de apoio administrativo á nova planta que Bondalti desenvolve no municipio cántabro de Torrelavega, onde se están investindo 55 millóns de euros, coa creación de 150 postos de traballo directos, indirectos e inducidos. Ata alí trasladaranse algúns dos traballadores actuais dacloreira pontevedresa.

A empresa culpa o Concello de Pontevedra desta marcha ao sinalar que "sempre se opuxo á permanencia da empresa", e iso xunto coa incerteza sobre a renovación da concesión dos terreos por parte do estado español, en virtude da lei de ordenación de costas, "acumularon dúbidas que comprometeron o bo desenvolvemento da fábrica de Elnosa". 

Bondalti sinala que desde o primeiro momento tentou manter viva Elnosa coa idea de crear un importante "polo de competitividade" en Galicia, pero alega que "se volveu incompatible coa estabilidade imprescindible para calquera investimento empresarial". Segundo a empresa, esta situación agravouse "por motivos puramente políticos, pola oposición sistemática e destrutiva do Concello de Pontevedra".

A entidade portuguesa indica que "a pesar do apoio da Xunta de Galicia, Bondalti viuse imposibilitada para realizar os investimentos que tiña previsto realizar na rexión galega, sendo obrigada a abrazar un novo proxecto industrial noutra comunidade de España, onde foi recibida cos brazos abertos polas respectivas autoridades rexionais e locais".

O traballo de desmantelamento das instalacións e a rehabilitación dos terreos que ocupaba Elnosa en Lourizán aínda durará dous anos máis, segundo as previsións da empresa.

Arquivado en