A empresa pontevedresa Eiriña sitúase no epicentro da 'Operación Patos'

Pontevedra
19 de febreiro 2014

Durante toda a xornada do martes axentes da Policía Nacional desenvolveron un rexistro na súa sede da praza 8 de marzo, na cidade de Pedra. Un dos detidos por parte da Xefatura Superior de Policía de Galicia é Enrique Alonso Pais, administrador, ben con carácter único ou solidario, da construtora Eiriña, así como outras empresas do seu entramado

Instalacións de Eiriña na Praza 8 de marzo
Instalacións de Eiriña na Praza 8 de marzo / PontevedraViva

A Operación Patos, que investiga delitos de prevaricación, suborno e tráfico de influencias na adxudicación de contratos públicos, deixou, polo momento, cinco detidos e 17 rexistros en dependencias municipais de seis concellos galegos: Vigo, Santiago, Ourense, Nigrán, Ponteareas e Pontevedra, así como na Deputación Provincial de Pontevedra, a delegación da Xunta en Vigo e no Consorcio do Casco Vello de Vigo.

No epicentro desta operación coordinada polo titular do Xulgado de Instrución número 7 de Vigo, encóntrase a empresa construtora Eiriña S.L. cuxa sede atópase en Pontevedra.

Dende as 10:00 horas do martes axentes da Policía Nacional desenvolveron un rexistro na súa sede da Praza 8 de Marzo, na coñecida como cidade de Pedra.

Axentes uniformados custodiaban a entrada da sociedade mercantil mentres que no interior se solicitaba información sobre adxudicacións a esta empresa fundada na parroquia de Bora no ano 1973 e que se dedica a obra pública, estradas, saneamento e edificación.

Un dos detidos por parte dos funcionarios da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Xefatura Superior de Policía de Galicia é Enrique Alonso Pais, pai da concelleira do PP de Vigo Alexia Alonso.

A comisión xudicial abandonou a sede de Eiriña en torno ás 22:45 horas. Os agentes levaron unha ducia de caixas con documentación que foron introducidas nunha furgoneta branca non rotulada.

Enrique Alonso Pais figura como administrador, ben con carácter único ou solidario, da construtora Eiriña, así como outras empresas do seu entramado: Enalvi e Intermediación Medioambiental S.L.; Inversións Patos S.L. e Reciclaje y Gestión Medioambiental S.L.

No Rexistro Mercantil figura que Enalvi se erixiu en socio único de Eiriña en marzo de 2013.

Arquivado en