A empresa Lago proxecta unha planta de elaboración de cárnicos no polígono de Barro

Barro
16 de febreiro 2024

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres en Xunta de Goberno a venda a esta empresa de tres parcelas cunha superficie de preto de 8.500 metros cadrados no Polígono de Barro

Polígono de Barro
Polígono de Barro / Concello de Barro

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres en Xunta de Goberno a venda de tres parcelas cunha superficie de preto de 8.500 metros cadrados no Polígono de Barro. 

O prezo total da compra supera lixeiramente o millón de euros. 

A firma compradora destes terreos é a pontevedresa Lago Aves, Huevos y Caza S.A. que ten previsto instalar alí unha planta de elaboración de cárnicos. 

Segundo informou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López a día de hoxe xa son 25 as firmas que hai instaladas nesta superficie empresarial do concello de Barro.

A ocupación actual do polígono é do 78%, con 61 parcelas ocupadas e 15 libres.

Son 24 as firmas presentes non polígono, entre elas atópanse Froiz, Hijos de Rivera, Froitas Moncho, Mafari, Marisco Alumar ou Transfrío, entre outras. 

Luis López destacou que agora coa presenza da empresa Lago "o polígono de Barro é máis un pulmón de emprego e actividade económica para toda a provincia".

Pola súa banda, a Deputación tamén está a acometer obras de construción das naves nas que se instalará o Parque de Maquinaria, aínda que estes traballos víronse condicionados pola meteoroloxía e sufriu "un período de parón". Está previsto que as obras se retomen o 1 de abril.

Agora, tal e como explicou Luis López, a Deputación encara a fase de licitación do asfaltado da parcela do Parque de Maquinaria. "É o paso xa definitivo para logo proceder ao traslado" a estas instalacións.