O consello de administración da sociedade mercantil estatal Aguas de las Cuencas de España (ACUAES), do Ministerio para a Transición e o Reto Demográfico, adxudicou por 7.547.959 euros o contrato de execución das obras e posta en marcha da nova depuradora de Illa de Arousa.
Recibíronse 20 ofertas, sendo finalmente seleccionada a empresa Extraco Construccións e Proxectos, S.A., por un prazo de 25 meses, incluíndo os 6 meses de posta en marcha da nova EDAR.
Tamén se adxudicou, por 324.697 euros, o contrato de servizos de asistencia técnica á dirección facultativa na supervisión e control da execución, a coordinación de seguridade e saúde e a supervisión e control ambiental das obras.
O obxectivo é que os traballos se inicien en novembro, de maneira que no verán de 2026 as obras estean finalizadas e comece entón a fase de posta en marcha de 6 meses
A actuación vai ser cofinanciada nun 80% con fondos Next Generation EU e o 20% restante será financiado polo Concello da Illa de Arousa.
As obras permitirán solucionar os problemas de capacidade que ten a actual depuradora e reducir a carga contaminante das verteduras do Concello mediante a eliminación do nitróxeno e fósforo, garantindo o cumprimento dos límites fixados para o efluente depurado pola normativa europea, cuxo incumprimento provocou a apertura dun procedemento de infracción pola Comisión europea.