A Consellería de Infraestruturas e Vivenda adxudicou este xoves por preto de 1,6 millóns de euros as obras de construción dun itinerario peonil e ciclista na estrada PO-308, entre Covelo e Raxó, no termo municipal de Poio.
Esta actuación ven de ser adxudicada á empresa Civis Global e conta cun prazo de execución de 12 meses.
A intervención prevista ten por finalidade completar un itinerario seguro e sustentable entre a travesía de Samieira, en concreto, no punto de intersección co acceso á praias e ao porto de Covelo, ata o final da travesía de Raxó, onde conectará coas beirarrúas xa existentes en Dorrón.
En total, serán 3,7 quilómetros de senda completando as beirarrúas xa existentes nalgún dos treitos e repartíndose entre 2,3 quilómetros pola marxe esquerda e 1,4 pola dereita.
Prevense actuacións complementarias coma a dotación de zonas de aparcadoiro onde o espazo o permite, a instalación de sistemas de recollida das augas de drenaxe necesarios, a extensión dunha capa de rodadura no tramo inicial da travesía de Raxó, a renovación da sinalización vertical e a recolocación da iluminación nos tramos precisos.
A consellería vén de licitar o pasado 29 de xuño por máis de 1,5 millóns de euros as obras de mellora de seguridade viaria, nesta mesma estrada entre a intersección coa rúa de acceso ao peirao do Covelo e o miradoiro da Granxa, entre os concellos de Poio e Sanxenxo.
Esta actuación é complementaria á desta senda, estando prevista a súa execución de forma simultánea, asegurando de este xeito a mellora integral deste tramo de estrada.