A DXT intensificará os seus controis durante a próxima semana

Pontevedra
06 de maio 2016

As saídas de vía por exceso de velocidade ou por distracción do condutor son as causas máis frecuentes de sinistralidade

Control de velocidade da Garda Civil de Tráfico
Control de velocidade da Garda Civil de Tráfico / Mónica Patxot

A Dirección Xeral de Tráfico poñerá en marcha desde o luns día 9 unha nova campaña especial de vixilancia nas estradas convencionais da comunidade galega. Durante toda a semana, ata o domingo día 15, incrementaranse os controis neste tipo de vías.

Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil vixiarán que se circule á velocidade adecuada, controlarán os adiantamentos indebidos, a inxesta de alcol ou drogas, o uso de casco e sistemas de retención, a utilización do teléfono móbil ou auriculares durante a condución, a manipulación de navegadores ou de calquera outro elemento que poida distraer e, en xeral, calquera infracción da normativa vixente en materia de circulación viaria.

Ademais, aproveitarase para concienciar sobre a importancia do respecto mutuo entre vehículos a motor e bicicletas. Neste sentido, entre os condutores de vehículos motorizados repartiranse dípticos informativos incidindo na necesidade de reducir a velocidade ante a proximidade de ciclistas, así como a obrigatoriedade de apartarse un mínimo de metro e medio nos adiantamentos. Á súa vez, entre os ciclistas repartiranse cortaventos reflectores para mellorar a súa visibilidade. 

Trátase dunha campaña específica na que colaboran a Xunta e a Federación Galega de Ciclismo e que se prolongará durante dúas fins de semana máis aló da conclusión da campaña especial de vixilancia sobre infraccións en carretas convencionais.

E é que na comunidade galega as estradas convencionais representan un 90% das vías interurbanas. Son vías que non dispoñen dunha separación física de ambos os sentidos, polo que entrañan maiores riscos en caso de adiantamentos ou prioridades de paso.