Un novo trámite ameaza con atrasar aínda máis a ansiada dragaxe do río Lérez, un proxecto ampliamente demandado, entre outros, polo goberno municipal e o Club Naval de Pontevedra. Ao estudo ambiental encargado por Portos de Galicia en 2012 únese agora a realización dunha prospección arqueolóxica subacuática no tramo do río que se verá afectado, ante a posibilidade de atopar nel vestixios de valor patrimonial.
Así se recolle na comunicación que a Consellería de Cultura remitiu ao Concello de Pontevedra. Nela detállase que o servizo de Arqueoloxía, dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, autorizou o pasado 7 de febreiro que se realice dita prospección. Correrá a cargo do arqueólogo Miguel San Claudio Santa Cruz, que terá cinco días para levar a cabo esta actuación. Dependerá del mesmo a data de inicio destes traballos.
Entre as condicións que debe cumprir, ademais dos preceptivos requisitos para inmersión e tráfico mariño, atópase que os materiais arqueológicos e demais documentación complementaria depositaranse provisionalmente no Museo do Mar de Vigo, no prazo de seis meses. Terá tamén que emitir os correspondentes informes sobre esta actuación unha memoria técnica trala súa finalización.
Desde Portos de Galicia sinalan que se trata dun trámite que forma parte do estudo de impacto ambiental encargado por este departamento. Pero en todo caso, insisten en que polo momento aínda non hai unha data prevista para realizar esta actuación.
DETALLES DO PROXECTO
Segundo se recolle no estudo de impacto ambiental, a dragaxe do río Lérez proposta por Portos de Galicia realizarase nun tramo duns 3,2 quilómetros entre a bocana dos diques de condución da canle de acceso, nas inmediacións da illa de Tambo, e a ponte da AP-9, á altura do peirao das Corbaceiras. Actuarase sobre unha superficie duns 173.000 metros cadrados, nos que se inclúe a canle de navegación e os noiros do río.
Para alcanzar os calados propostos no proxecto prevese a extracción duns 200.000 metros cúbicos de material, dos que o 18% son limos ou areas moi finas, un 24% son areas finas, un 13% son areas medias e un 45% restante, areas grosas, moi grosas, cantos e gravas. Todos eles serán reaproveitados para a rexeneración dos bancos marisqueros de Campelo e Tambo, seguindo as indicacións das cofradías do fondo da Ría.