Unha década despois, Pontevedra segue esperando por unha dragaxe do Lérez que permita retirar os sedimentos acumulados e aumentar o calado da canle de entrada á cidade por mar. Trátase dunha actuación que o PSdeG-PSOE segue considerando "prioritaria", segundo confirmaron os socialistas aos representantes do Club Naval.
Así llo trasladou a arquitecta pontevedresa María Pierres, número 4 da candidatura por Pontevedra, que visitou o club náutico pontevedrés acompañada, entre outros, dos concelleiros Agustín Fernández e Paloma Castro.
A directiva do club trasladoulles aos socialistas que a día hoxe existen amarres que apenas poden ser utilizados debido os arrastres e os lodos que se van acumulando no leito do rio, polo que Pierres reiterou que os socialistas apostarán por dragar o río desde case a illa de Tambo ata a ponte do Burgo.
"Os socialistas faremos do dragado unha cuestión estratéxica e prioritaria. Recuperar a ría e o seu calado non é unha cousa menor", reiterou a candidata socialista, porque afirmou que Pontevedra "necesita mirar cara o rio, poñelo en valor, aproveitar os recursos que lle ofrece a ria e a súa situación privilexiada".
María Pierres recoñece que unha dragaxe en condicións "ten dificultades", pero considera que esta actuación beneficiará non só aos amarres do club náutico "senón tamén ás expectivas de mellora nos bancos marisqueiros do fondo da ría".