A dragaxe da ría acometerase no 2018

Pontevedra
22 de decembro 2016

É un proxecto "certamente importante" que pola súa dimensión "é das máis complexas que levan feito en Galicia" aínda que non polo seu custo que José Juan Durán estima en dous millóns de euros

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores / PontevedraViva

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, acudiu este xoves ao concello de Pontevedra para explicar persoalmente ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o estado do proxecto de dragaxe da ría de Pontevedra.

É un proxecto "certamente importante" que pola súa dimensión "é das máis complexas que levan feito en Galicia" aínda que non polo seu custo que José Juan Durán estima en dous millóns de euros.

O presidente de Portos asegurou que a súa comparecencia pública tamén pretende "ratificar ese compromiso coa dragaxe da ría de Pontevedra" pola súa "importancia" tanto para que as  confrarías poidan recuperar os seus bancos marisqueiros, como para a propia navegación da ría e o uso das instalacións do Club Naval.

Despois da explicación pormenorizada do presidente de Portos de Galicia o alcalde asegurou quedar "tranquilo" ao saber que está en marcha o proxecto de dragaxe "que é inevitablemente necesario" e expuxo que "de fronte ao futuro" contémplense actuacións de dragaxe de forma periódica "para non chegar a esta situación de acúmulo" que prexudica ao marisqueo e aos usuarios do Club Naval.

As zonas que están previsto dragar correspóndense coa área situada fronte ao complexo industrial de Ence, a canle de navegación, o acceso aos pantaláns do Club Naval e algunhas zonas sinaladas polas confrarías para a rexeneración dos bancos marisqueiros.

Co mesmo propósito de informar do estado deste proxecto, José Juan Durán tamén convocou unha reunión na sede da Xunta en Campolongo á que asistiron técnicos do concello e representantes de todos os grupos políticos da corporación municipal.

ESTADO DO PROXECTO

Segundo explicou o presidente de Portos de Galicia, despois de cinco anos de lenta e complexa tramitación a este proxecto aínda queda un longo camiño antes de ser unha realidade debido a que é un "tema bastante complexo" que está suxeito a unha normativa "complicada".

O proxecto iniciouse na segunda metade do ano 2011 coa realización de batimetrías para medir os calados, houbo que delimitar as zonas a dragar e fíxose unha cubicación aproximada do material para extraer. O seguinte paso foi a elaboración dunha Memoria ambiental que foi contratada a unha empresa externa para a súa posterior remisión á administración autonómica, que é a que decide e resolve se o proxecto sométese a Declaración de impacto ambiental.

 "Eu creo que vai ser principios do 18, licitarase a dragaxe e con posterioridade executarase", afirmou José Juan Durán.

No 2012 decidiuse que era necesaria esta Declaración polo que se contratou a outra empresa externa para a súa realización e tamén se encargou un estudo de dinámica litoral e prospeccións arqueolóxicas. O problema foi que cando estes traballos estaban presentados produciuse un cambio nunha normativa estatal, coñecida como CEDEX Centro de experimentación de obras públicas, que aumentou o nivel de esixencia das análises para realizar para poder decidir onde se verten todos os materiais que se retiran do fondo da ría.

José Juan Durán comentou que este cambiou normativo obrigou a dar un paso atrás e volver realizar todos os traballos que xa estaban feitos.

Mentres tanto a sedimentación do río seguiu xerando problemas e no ano 2014 as confrarías solicitaron a ampliación dos condutos de auga á beira do dique para poder salvar os bancos marisqueiros. "Todo isto engade tempo á tramitación ambiental da dragaxe", sinalou o presidente de Portos.

Agora o proxecto atópase na fase final da tramitación ambiental. Proximamente o novo estudo de impacto ambiental e o anteproxecto da dragaxe serán remitidos ao Diario Oficial de Galicia e nas próximas semanas serán sometidos "de maneira inescusable" a información pública para que se presenten alegacións. Terminado ese prazo, e en función do que se resolva, podería haber cambios na redacción do proxecto "eu creo que vai ser principios do 18, licitarase a dragaxe e con posterioridade executarase", afirmou José Juan Durán.