A división no seo da Plataforma de Lourizán provoca o enfrontamento dos seus integrantes

Pontevedra
08 de novembro 2018

Este xoves a Asociación Armel e o San Andrés Club de Fútbol emitiron un comunicado no que afirman que a Plataforma Non á Ampliación da Depuradora non lles representa

Reunión con Augas de Galicia da Asociación Armel e o San Andrés Club de Fútbol
Reunión con Augas de Galicia da Asociación Armel e o San Andrés Club de Fútbol / San Andrés Club de Fútbol

A plataforma "Non á ampliación da Depuradora dos Praceres" naceu como resposta á intención de Augas de Galicia de duplicar a capacidade da depuradora de Lourizán, sumando a participación de distintos colectivos da parroquia, como a comunidade de montes, Armel, o San Andrés Club de Fútbol, a Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres, a Comisión de Festas, o ANPA do CEIP Carballeira, Aveloplan, o Club de Colombofilia, a Asociación de Veciños de Pontemuiños e a Asociación de Veciños San Andrés.

Este xoves a Asociación Armel e o San Andrés Club de Fútbol emitiron un comunicado no que afirman que a Plataforma Non á Ampliación da Depuradora non lles representa, "nin tampouco á maioría de veciños da parroquia de Lourizán". A partir de agora anuncian que liderarán as súas propias reivindicacións.

Segundo estas dúas entidades, "diversas persoas cun claro carácter político e partidista viñeron coa única intención de que a plataforma sirva a intereses ideolóxicos que para nada compartimos nin queremos ser partícipes".

Afirman no seu escrito que numerosas iniciativas propostas por diferentes colectivos e asociacións da parroquia "foron sistematicamente bloqueadas por moitos dos membros que agora forman a nova directiva". Engaden que ademais "se acordaron outras ás costas dos veciños, como a non esixencia dun novo campo de fútbol onde se situaba ou como desistir de esixir ao alcalde unha reunión en Lourizán".

En menos dunha semana Armel e San Andrés Club de Fútbol recolleron medio milleiro de firmas entre veciños da parroquia para esixir a todas as administracións implicadas a construción dun novo campo de fútbol. Xa llas entregaron á Augas de Galicia nunha reunión celebrada na Delegación da Xunta e á que asistiron veciños en representación dos asinantes.

Tamén insisten en ser recibidos polo alcalde Fernández Lores.

RESPOSTA DA PLATAFORMA

A plataforma de Lourizán, noutro comunicado, respondeu que as asociacións Armel e o San Andrés, están "presididas por unha persoa que forma parte da executiva local do PP e polo seu esposo" aos que acusa de "actuar de maneira desleal" co resto de integrantes da plataforma "antepoñendo os seus intereses políticos ao interese de todos".

"Os problemas sempre viñan do seu lado. Un dos primeiros enfrontamentos, demostrando o seu nulo espírito democrático, foi que se negaban a que os veciños tomasen as decisións en asemblea", explican desde a plataforma.

Sobre a reunión con Augas de Galicia puntualizan que non foi un encontro co movemento veciñal de oposición á ampliación, "senón con representantes e simpatizantes do PP, máis algún xogador do club de fútbol".

"E aproveitan a nota de prensa para atacar a Lores, sen vir a conto", engaden.

Apuntan ademais que as firmas entregadas recolléronse en Pontevedra e Marín "porque estamos seguros de que moitos veciños pensaban que ao apoiar o campo estaban a asinar contra a ampliación".

Finalmente emprazan ao presidente local do Partido Popular, Rafael Domínguez a que explique "se estaba ao corrente de todo isto e se comparte as opinións destas entidades, e se forma parte dunha estratexia do PP para dividir ao movemento veciñal".

Desde a plataforma fan un chamamento a todos os veciños de Lourizán á asemblea deste domingo "para que poidan ser escoitados e deixen claro se os representantes actuais os represéntan ou non" e tamén convidan aos presidentes destas dúas asociacións, "debido a que segundo eles, o pobo está do seu lado, para que poidan ser aclamados por este".