A directora xeral da DGT felicita o alcalde de Pontevedra polo Dubai Award

Pontevedra
11 de febreiro 2015

Miguel Anxo Fernández Lores mantivo unha xuntanza con María Seguí e ofreceu a cidade como sede do IV Encontro de cidades pola seguridade viaria

Encontro entre o alcalde de Pontevedra e a directora xeral da DGT, María Seguí
Encontro entre o alcalde de Pontevedra e a directora xeral da DGT, María Seguí / Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, mantiveron unha reunión en Madrid coa directora xeral da Dirección Xeral de Tráfico, María Seguí, que felicitou os representantes do goberno local de Pontevedra polo Premio Dubai.

Fernández Lores indicou que "estamos na liña de favorecer a mobilidade 30" tal e como prepara a DGT para limitar a velocidade máxima no medio urbano a 30 quilómetros por hora. Desta forma, Tráfico pretende reducir o alto nivel de siniestralidade que se rexistra nas cidades.

O rexedor municipal invitou a María Seguí aos actos de celebración do Premio ONU Hábitat, que se desenvolverán proximamente en Pontevedra e ademais ofreceu a cidade como sede do IV Encontro de cidades pola seguridade vial. Este evento celebrouse anteriormente en Xixón, Córdoba e Torrevieja.

Ademais, o alcalde tamén participou como presidente de honra na firma dun protocolo entre a DGT e a Rede de Cidades que Camiñan, que tamén asinaron o coordinador técnico desta rede, Pablo Barco, a alcaldesa de Cidade Real, Rosa Romeiro, e o vereador de Urbanismo de Torres Vedras (Portugal), Bruno Ferreira.

CONFERENCIA EN BARCELONA

Ao remate desta reunión en Madrid, Miguel Anxo Fernández Lores viaxou ata Barcelona para participar no Ciclo de Boas Prácticas en Iberoamérica, unha serie de conferencias que recolle unha mostra de proxectos urbanos de diferentes países deste ámbito. Pontevedra foi a encargada de inaugurar estas xornadas e explicar os detalles do seu modelo urbano.

As iniciativas para impulsar a mobilidade peonil e ciclista ou a redución do coche para os desprazamentos internos foron dous dos eixes sobre os que xirou a intervención de Fernández Lores neste foro urbanístico.

A conferencia foi transmitida 'on-line' para España, Portugal e un total de vinte países de Latinoamérica, entre eles, Brasil, Arxentina, México, Colombia ou Venezuela.

Durante o acto, Pontevedra estreou un novo video promocional que, en galego, español, inglés e francés, explica o modelo urbano da cidade.