"A día de hoxe non sei de onde saíu o virus, fun a única dos meus contactos que deu positivo"

Pontevedra
20 de abril 2021

Esta é a experiencia que tivo coa covid-19 María D., unha estudante de Fisioterapia de 21 anos que se atopa facendo as prácticas sanitarias do último curso que realizan todos os estudantes desta carreira. Non se contaxiou no hospital, contaxiouse na súa casa en período de vacacións e tendo contacto unicamente cos seus pais e irmán. Este é un exemplo de como a infección tamén se contaxia entre os máis novos sen darse conta

Cartel test covid no Hospital Provincial
Cartel test covid no Hospital Provincial / Isabel Feijóo

O esgotamento da pandemia é máis que evidente un ano despois de que a crise sanitaria comezase. A palabra máis escoitada ao falar desta situación é cansazo. A máscara, a distancia, os confinamentos, os peches perimetrais, a proliferación de noticias sobre a pandemia, os contaxios, os síntomas, os falecementos, e moitísimas máis cuestións que parecen facernos vivir nun bucle constante. 

A paciencia da maioría de cidadáns a estas alturas parece estar esgotado, e mesmo a Organización Mundial da Saúde (OMS) lle puxo nome a esta crise, a xa coñecida como fatiga pandémica, que describe como "a desmotivación para seguir as condutas de protección recomendadas que aparece de forma gradual no tempo e que está afectada por diversas emocións, experiencias e percepcións, así como polo contexto social, cultural, estrutural e lexislativo".

E agora a esperada vacina que creou novas incertezas, quen nos diría que un ano despois do inicio do estado de alarma teríamos medo a vacinarnos? 

 

O CORONAVIRUS EN MOZOS

Hoxe en día aínda se detecta poboación que cre que por ter curta idade e boa saúde están totalmente libres de ter a covid-19. Pero nada máis lonxe da realidade, desta enfermidade non se atopa exento absolutamente ninguén, como levamos comprobado todo este tempo, por moi imposible que pareza.

Este é o caso de María D., unha estudante de 21 anos que se atopa cursando cuarto de Fisioterapia en Pontevedra e que, a día de hoxe segue preguntándose como puido contaxiarse. "Un día esperteime e non me sabía o almorzo, tiña un arrefriado porque era xaneiro e facía moi mal tempo, polo que lle botei a culpa a iso xa que non tiña máis síntomas". 

Isto conta María do primeiro sinal que o seu corpo lle diu. "Ao día seguinte facendo deporte na casa fatigueime moitísimo e aí xa si que notei algo raro. Nunca tivera esa sensación, polo que chamei a urxencias e enviáronme directamente a facerme a proba".

Pleno inicio da terceira onda da pandemia en España, chegou o positivo e con il o seu primeiro pensamento "Como me puiden contaxiar?". A pesar de ela mesma definirse como "moi paranoica", en ningún momento ata o día anterior pensou que puidese ser covid-19 xa que non tivera contacto con ninguén, excepto co seu irmán e os seus pais que non tiñan síntomas algúns.

"Cando me chamaron os rastreadores non se crían que non tivese máis contactos próximos sendo tan nova, pero era verdade". A María coincidiulle o positivo no seu período de descanso das prácticas en hospital que realizan durante todo o curso os estudantes do último ano de Fisioterapia, só ela deu positivo na súa casa e non tivera contacto con ninguén máis os días anteriores. "Alivioume moito, xa que a miña maior preocupación era poder contaxiar aos meus pais, polo que me encerrei completamente na miña habitación". Conta que lembra eses días con moita soidade, ansiedade e incerteza, xa que "aínda non sabemos a día de hoxe de onde saíu o virus"

María asegura que os seus síntomas foron principalmente perda do gusto e do olfacto, dor muscular, fatiga e perda de pelo. "As articulacións doíanme moitísimo, cando respiraba sentía algo que non sentira antes e fatigábame ata ao falar" afirma María da súa primeira semana con covid-19. Esta moza volveu a dar indeterminado na súa segunda PCR e tivo que esperar para que acabasen os seus días entre as catro paredes do seu cuarto ata o 3 de febreiro, 17 días despois do seu positivo.

 

A COVID NOS HOSPITAIS

María cóntanos que leva facendo prácticas sanitarias de Fisioterapia en diferentes hospitais dende setembro, tendo contacto directo cos pacientes cada día. "A xente ten medo aos sanitarios dende o inicio da pandemia polo simple feito de traballar nos hospitais, en cambio, para min é o sitio onde me sinto máis segura, onde máis limpeza e medidas vexo que se toman", relata sobre a súa estancia de prácticas en diferentes centros de Pontevedra.

A pesar de presentar bastantes síntomas ela mesma di ter moita sorte con esta enfermidade. "No hospital vexo a pacientes con moitísimas secuelas en rehabilitación que pasaron a covid e paréceme estremecedor o dano que pode facerche o virus, incluso unha vez que sae do teu organismo". Por este mesmo motivo, esta moza de 21 anos narra que se sente realmente afortunada, xa que unha alta porcentaxe de pacientes que supera esta enfermidade pode sufrir secuelas mesmo meses despois de estar libres da infección.

 

VACINA ASTRAZENECA

"Aos estudantes de cuarto curso de Fisioterapia da Facultade de Pontevedra vacináronnos o sábado 3 de abril con AstraZeneca" di María, á cal lle coincidiu a primeira dose xusto dous meses despois de que volvese á súa vida normal. Afirma que os estudantes levaban moito tempo loitando porque lles vacinasen xa que ao final "facemos o mesmo traballo e temos o mesmo risco de contaxio que o persoal sanitario graduado".

María lamenta estar contaxiada pouco tempo antes de recibir a primeira dose da vacina, pero queda moito máis tranquila despois de poñela. "Tiven síntomas despois de ser vacinada: febre, suores, mal estar, a verdade é que non pasei unha boa noite, pero foi iso, unha noite comparado con todos os días que estiven cos síntomas da covid, encerrada e con moita angustia e medo", asegura a estudante.

Esta futura profesional sanitaria explica que anima á poboación para vacinarse con AstraZeneca , xa que segundo ela "é algo fundamental eo único viable para que este pesadelo remate dunha vez por todas", sentenza.