A Dirección Xeral de Tráfico (DGT) está disposta a abandonar os 6.875 metros cadrados que ocupa na Xunqueira de Alba onde conta cun Centro de Exames no que os futuros condutores realizan as probas prácticas de moto para obter o carné de circulación.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu este luns en rolda de prensa para informar desta "boa noticia para a cidade e tamén para a Xunqueira de Alba que queremos recuperar como un espazo natural que ata o de agora está ocupado por distintas dependencias".
O pasado 18 de abril o Goberno local enviou unha carta cunha petición formal a todas as administracións que teñen instalacións na Xunqueira de Alba, para que cesen a súa actividade e traballen a favor da recuperación da zona verde, que está protexida desde 2012 ao ser declarada Espazo Natural de Interese Local.
Este domingo 26 de novembro chegou ao Concello de Pontevedra unha carta do Organismo Autónomo Xefatura Central de Tráfico na que, segundo informou o alcalde, "acéptase a posibilidade de trasladarse da súa actual localización a condición de que, por parte do Concello se ofrezan uns terreos alternativos onde poidan exercer a súa actividade que é necesaria e imprescindible".
O alcalde comentou que xa mantivo unha reunión coa directora provincial de Tráfico, Paula Yubero pero que a partir de agora van concertar reunións para coñecer as propostas e necesidades que ten a DXT. Actualmente, Tráfico dispón de 6.875 metros cadrados na Xunqueira de Alba e ao alcalde xa lle preguntaron pola posibilidade de "amplialos un pouco".
"Nós ofrecerémoslle alternativas" comprometeuse o rexidor da capital, reiterando a súa satisfacción por este "avance importante" no proceso posto en marcha para liberar estes terreos de dominio público marítimo terrestre da Xunqueira de Alba no que teñen instalacións a Xunta de Galicia, o Ministerio de Transición Ecolóxica, a Dirección Xeral de Patrimonio do Estado, a Xefatura Central de Tráfico e a Subdelegación do Goberno.
Lores situou este avance coa DGT no marco das negociacións "a nivel de Estado" do BNG co Partido Socialista "onde participa Carme Da Silva como senadora e como membro do equipo de negociación".
"Quero poñer en valor o traballo de Carme en Madrid" destacou o alcalde sobre estes "avances" puntualizando que "isto non será unha cuestión inmediata".
O Concello de Pontevedra dispón dalgúns terreos para ofrecer á DXT como alternativa para recolocar este Centro de Exames. Entre as distintas posibilidades, o alcalde citou unha parcela de 10.000 metros cadrados en Valdecorvos ou unha de 12.000 en Tomeza, preto de Lusquiños.