A Dirección Xeral de Tráfico (DGT) iniciará a partir deste luns 31unha campaña de control de velocidade que vai incidir principalmente nas estradas convencionais e nas vías urbanas, segundo informa a Delegación do Goberno en Galicia. Esta campaña ten como principal función reducir a velocidade media nestas vías e concienciar os condutores da estreita relación entre unha velocidade excesiva e os accidentes no ámbito urbano e interurbano, que derivan no atropelo de peóns.
A campaña durará ata o domingo día 6 de abril, tutelada polo Centro de Coordinación de Tráfico en Galicia e os xefes de subsectores das catro provincias que elaboraron os percorridos a desenvolver para o control dun maior número de vehículos que en campañas anteriores. A DGT alerta de que se utilizará o máximo número de axentes e vehículos dispoñibles.
VELOCIDADE INADECUADA
Segundo a DGT, a velocidade inadecuada encóntrase tras o 23,5% dos accidentes mortais en vía interurbana, e en zonas urbanas é determinante por canto aumenta considerablemente o risco de morte dun peón tras ser atropelado. Por este motivo manterase unha especial atención na vixilancia dos límites en colaboración cos concellos. Dende a DGT indícase que a partir de 80 quilómetros por hora é practicamente imposible que un peón se salve dun atropelo, mentres que a unha velocidade de 30 km/h o risco se reduce ao 10%.
Dende Tráfico márcanse como obxectivo conseguir unha maior redución da velocidade media que a lograda ata agora e diminuír os niveis alcanzados de grandes excesos de velocidade. Segundo os estudos que manexan, conducir a unha velocidade axeitada podería evitar practicamente unha cuarta parte dos mortos en accidente de tráfico.