Durante este mes de agosto, a parroquia de Santa María a Maior de Pontevedra honrará a memoria de San Roque, celebrándose a súa festa o próximo 16 de agosto.
Segundo aseguran desde a parroquia "diante da situación excepcional que atravesamos con motivo da pandemia global pola Covid-19, a devoción e o culto a San Roque cobraron especial vixencia". Do mesmo xeito que sucedese durante a Idade Media cando os pontevedreses "buscaron refuxio e protección" do santo levantándolle unha capela no curso baixo do río Gafos, preto do hospital onde se atendía a quen padecía enfermidades altamente contaxiosas.
Como "preparación espiritual" para a festa de San Roque, estes días levará a cabo unha novena extraordinaria de rogativa e acción de grazas, desde o mércores 5 e ata o venres 14 de agosto, todos os días coa excepción do domingo 9.
Dadas as circunstancias, este ano resulta aconsellable non saír en procesión ao modo habitual con autoridades, banda de música e nenos de primeira comuñón.
Nesta novena extraordinaria incluirase tamén a San Sebastián, destacando a súa imaxe na Capela de San Roque, onde se atopa depositada. A el vén tributando Pontevedra, cada 20 de xaneiro desde 1515, o Voto da Cidade, por librala da peste.
A "Táboa de Cerimonias" do Concello sinala como antigamente as autoridades civís e eclesiásticas recollían, cada 16 de agosto pola mañá, a imaxe de San Sebastián, coa súa anda, ás portas da igrexa parroquial de San Bartolomé "o vello", indo desde alí en procesión á Capela de San Roque, sumándose entón a talla deste santo á comitiva, desprazándose logo ata Santa María a Maior para celebrar a misa principal do día, xuntando aos seus dous benefactores.
INVOCACIÓNS DE PARTICULARES E COLECTIVOS
A comunidade parroquial de Santa María a Maior quere ter presente na súa oración a todos os particulares e colectivos que se viron especialmente afectados ou implicados por esta crise sanitaria. Por tal razón, na misa da mañá farase, cada día, unha invocación por parte de alguén que vivise o confinamento dunha maneira especial. Así, entre outros testemuños, contarase cos dun enfermo do coronavirus, un médico, unha profesional da limpeza, unha persoa do ramo da alimentación e un responsable dunha residencia de anciáns.
MEDIDAS DE SEGURIDADE E HIXIENE
Tanto nesta novena extraordinaria, así no resto dos cultos, o aforo máximo permitido na parroquia de Santa María a Maior é de tres persoas por banco, salvo conviventes. Ademais, para evitar a proliferación de contaxios, non está permitido tocar as imaxes dos santos, nin tampouco pasar estampas nin panos sobre a súa superficie.