A veciña de Ponte Sampaio detida en outubro de 2016 pola súa presunta relación cos incendios rexistrados durante os dous meses anteriores nesa parroquia pontevedresa pediu ao xulgado que lle fagan un recoñecemento médico forense para determinar o seu estado mental, pois está a tratamento psiquiátrico.
O Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra desestimou a súa petición, pero decidiu acudir á Audiencia Provincial e a Sección Cuarta acaba de ditar un auto no que admite a trámite o recurso que presentou e accede á petición, de modo que a muller será examinada para poder determinar a súa imputabilidade.
A muller foi detida como presunta autora de 16 incendios forestais entre o 9 de agosto e o 6 de outubro na parroquia da Canicouva e nos lugares de Ponte, Vilar, O Rañadoiro e Acevedo, na parroquia de Ponte Sampaio. Na actualidade, segue investigada nunha causa xudicial, pero xa só por sete lumes.
Ademais de pedir ese recoñecemento médico forense, a muller investigada tamén reclama a práctica doutras dilixencias de investigación denegadas polo xuíz instrutor: declaración testifical de diferentes testemuñas a fin de acreditar o lugar no que se atopaba a recorrente na data e hora de inicio dos incendios que se lle atribúen; e un oficio á Consellería do Medio Rural.
Esta documentación ten como obxectivo que indique se catro leiras que se identifican resultaron afectadas polos incendios ocorridos en Rañadoiro entre agosto e setembro, pois, ao negarllo, "vulnera o seu dereito á tutela xudicial efectiva, a non sufrir indefensión e a utilizar os medios de proba oportunos en defensa dos seus lexítimos intereses".
A resolución da Audiencia admite que descoñece, con exactitude, as razóns dadas polas que lle denegaron esas dilixencias de investigación interesadas, pero conclúe que pode ser necesario para garantir o dereito de defensa tanto concretar onde se atopaba a investigada os días e as horas ás que tiveron lugar os incendios que se lle imputan, polo que resolve que si hai que recibirse declaración ás testemuñas propostas.
A Audiencia tamén considera necesario determinar cal é o verdadeiro estado mental da investigada, pois iso "podería influír na súa imputabilidade", sendo preciso para iso o seu recoñecemento médico forense.
No relativo ao oficio á Consellería do Medio Rural, tamén a autoriza porque consideran que "en nada entorpece a instrución" e pode ter relación cos feitos.