A "desesperación" de comerciantes, hostaleiros e consumidores apaga a luz en Marín

Marín
18 de marzo 2022

Desde hai dúas semanas, un grupo de comerciantes e hostaleiros promoven un apagamento no tramo horario de maior prezo da electricidade e este xoves fixeron un chamamento a apagar a luz e concentrarse na Alameda. Contan que a situación xa é "insostible"

Concentración na Alameda de Marín contra o aumento do prezo da luz
Concentración na Alameda de Marín contra o aumento do prezo da luz / Concello de Marín

Na copistería Proyectos da rúa Méndez Núñez de Marín entran a diario clientes "desesperados" porque "non saben como facer fronte a tanto gasto" derivado da factura da luz. Acoden para facer fotocopias dos seus recibos e documentos para presentar alegacións e trasladan a súa "desesperación" polos prezos e tamén porque "queren pedir cita e non lles collen o teléfono".

Experiencias similares prodúcense a diario noutros comercios de Marín e, froito da frustración colectiva, un grupo de comerciantes e hostaleiros decidiron unirse para elevar a voz contra unha situación que aseguran que é "insostible". 

Despois de dúas semanas de pequenas protestas nas que facían un chamamento a apagar a luz no tramo horario coa electricidade máis cara, este xoves deron un paso máis e convocaron unha protesta masiva. Entre as 19.00 e as 20.00 horas, chamaron a apagar a luz en negocios e vivendas particulares e un nutrido grupo de persoas concentrouse na Alameda a modo de protesta. 

Beatriz Covi, da copistería Proyectos, defende a necesidade de realizar accións como esta e explica que a implicación da poboación é elevada. De feito, o centro urbano de Marín levaba días empapelado. Comercios, negocios de hostalería e vivendas particulares tiñan carteis para sumarse a esta protesta. 

Explica que os responsables de varios negocios empezaron a traballar da man porque se deron conta de que había que "facer notar que a xente está indignada". Entre os clientes do seu negocio non para de escoitar distintas versións, pero a mesma problemática, recibos desorbitados que non saben como van pagar. 

Un cliente relatoulle o outro día que se levantou ás 6 da mañá para ir traballar e tiña unha notificación do banco cunha factura de 600 euros en luz. "O primeiro que fixo foi devolver o recibo porque non pode pagar". Ela mesma, na copistería, notou ese incremento, "dun mes para outro, subiu practicamente o dobre". 

No caso deste negocio, este aumento da factura da luz únese a que o papel se encareceu un 30% e a que lle resulta complicado subir o prezo das fotocopias porque a clientela non está na súa muller momento para asumir estes prezos máis elevados. 

Similar situación vívea Marta Landín, do local de hostalería La Huerta de la Abuela, na mesma rúa. "Se nunha casa se nota, imaxinade cafeteiras, neveiras...", conta.

Como en todos os negocios, o recibo é agora, como mínimo, o dobre, porque "aquí non podes elixir poñer a lavadora ás 2 no canto de ás 5, aquí tes que ter as luces acesas todo o tempo que estás aberto, tes que acender os fornos todo o día, dá igual que teñas unha mesa ou dez".

Ademais, a situación complícase porque "a xente ou paga as facturas ou sae a tomar algo" e, por exemplo, o outro día unha cliente contoulles que lle chegou unha factura da luz máis alta que a cota da hipoteca, de modo que "é unha cadea: se a xente non ten diñeiro, non sae, é un problema de todos". 

Tamén nota no seu negocio este aumento da preocupación social Miguel Touza, responsable da tenda de electrodomésticos Euronics de Marín. "Estamos a pasar un momento un pouco difícil, pola luz, o gasóleo, o transporte... todo inflúe", relata. 

Cando a clientela entra no seu negocio, pregunta por electrodomésticos de menor consumo porque "a luz sobe para todo o mundo". A súa opinión de especialista é que son artigos máis caros, pero merecen a pena porque "ao final de ano vas notar un consumo inferior, valo notar no peto".