"A (des) memoria nas aulas", unhas xornadas para descubrir como abordar a Guerra Civil e a ditadura nos institutos

Pontevedra
20 de abril 2022

A deputada de Memoria, María Ortega, sinala a importancia de “tecer redes de memoria” implicando ao persoal docente. Os relatorios, que contarán co escritor Manuel Rivas, desenvolveranse o 29 e 30 de abril na antiga Escola Normal

Aula do Fogar Provincial Graña entre 1950 e 1955
Aula do Fogar Provincial Graña entre 1950 e 1955 / Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Memoria Histórica, vén de organizar as xornadas ‘A (des) memoria nas aulas’, un lugar de encontro para que o profesorado da provincia poida coñecer novos recursos, ideas e proxectos, así como expoñer experiencias, sobre como abordar a guerra civil, a ditadura e a represión nos centros de ensino.

Estas xornadas, segundo a deputada de Memoria, María Ortega, xorden principalmente porque “a memoria histórica está ausente na práctica totalidade dos centros de ensino e non ten cabida no currículo escolar agás que o persoal docente da materia de Historia, ao abordar o século XX, teña a vontade de darlle ese enfoque á materia”. 

Segundo a nacionalista, para a Deputación é de vital importancia buscar “espazos alternativos” para captar profesorado que teña vontade de traballar o tema co alumnado, ben nas titorías, ben na biblioteca a través dalgunha lectura, a través dos grupos de igualdade, de clubes de lectura, clubes de letras, e clubes de debate “tecendo redes de memoria”.

Esta primeira iniciativa sobre memoria e docencia, que ten visos de continuidade nos vindeiros exercicios, consistirá na realización dunhas xornadas de dous días que contan coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra. Poderanse seguir tamén de maneira libre a través da páxina web da Deputación, mais para a asistencia presencial é precisa inscrición a través do ‘banner’ habilitado na páxina depo.gal, ata completar a capacidade do salón de actos do Edificio Administrativo provincial (antiga Escola Normal) por estrita orde de solicitude.

As xornadas comezarán o venres 29 de abril ás 16.30 horas coa inauguración institucional para dar paso despois ao investigador Xosé Álvarez Castro, que falará sobre ‘De que falamos cando falamos de memoria’, seguido de Kiko Dasilva, ilustrador e editor; e as escritoras Eva Mejuto e Xulia María Barros, que abordarán os traballos feitos sobre a ‘Memoria ilustrada de San Simón’.

Xa ás 18.45 horas será a quenda do escritor Manuel Rivas co relatorio ‘As doce pereiras, as dez maceiras e as corenta figueiras’. Ás 19.30 horas terá lugar a proxección do documental "Dores", que contará con Coral Piñeiro, directora e guionista, e Maite Martínez Prieto, produtora e guionista.

O sábado 30 de abril na quenda da mañá traballarase sobre os ‘Recursos para traballar a memoria histórica na aula: lecturas e propostas audiovisuais’ a cargo de Pilar Sampedro, especialista en literatura infantil e xuvenil, e María Xesús López Escudeiro, investigadora, para seguir coa escritora e docente Susana Aríns, que falará de ‘Seique falamos de memoria na escola’.

Despois exporanse diferentes experiencias nas aulas, entre elas o traballo de ‘A memoria das mulleres’, explicada por Anxos Rial Vidal e Conchi Díaz Candán, docentes do IES Sánchez Cantón; e Cristina González Pérez, do IES Frei Martín Sarmiento; de ‘Memorias cruzadas’ do IES A Cachada de Boiro con Berta Gómez; e de ‘Memorias da Illa’ do CEIP Reboreda de Redondela con Verónica Camiña. Na xornada de tarde haberá unha viaxe e roteiro pola Illa de San Simón guiado por Matías Rodríguez da Torre, docente e especialista en memoria histórica.