A Deputación ten previsto mobilizar outros 3,8 millóns de euros para os concellos da provincia

Pontevedra
23 de marzo 2023

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva avanzou este xoves os asuntos que abordará a Xunta de Goberno prevista para este venres e na que mobilizaranse 3,8 millóns de euros "para garantir dereitos e servizos na provincia"  

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva avanzou este xoves os asuntos que abordará a Xunta de Goberno prevista para este venres e na que mobilizaranse 3,8 millóns de euros "para garantir dereitos e servizos na provincia".

Destes fondos, 2,5 millóns de euros correspóndense a 13 axudas do Plan Concellos para 12 municipios.

Tamén deu conta dos 709.000 euros que se investirán en sistemas de xestión sostible de augas en 8 municipios, financiados ao 80% polo IDAE, o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía de España, unha entidade pública empresarial, adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica.

A Deputación de Pontevedra tamén recibirá fondos europeos para a segunda edición do proxecto Tourist Inside.

Segundo destacou Carmela Silva, con estes fondos "damos continuidade a este proxecto" co que a Deputación de Pontevedra xa realizou unha "ampla transformación dixital" en 12 oficinas da Rede Info Rías Baixas, "converténdoas en intelixentes, innovadoras e máis accesibles".

O prazo de execución esténdese ata o 31 de decembro e o orzamento é de 519.000 euros, dos que 300.300 euros proceden de fondos Next Generation da Unión Europea.

Con esta axuda transformaranse sete oficinas dos concellos das Neves, Tui, Redondela, Salvaterra, O Rosal, Mondariz Balneario e Ponteareas. "Tamén implantaremos novas ferramentas na web de Turismo Rías Baixas" e darase formación ao persoal de atención turística en novas tecnoloxías, elaboraranse diagnósticos de ciberseguridade e implantarase   unha ferramenta dixital de mellora de fluxos, entre outras accións detalladas por Carmela Silva.