A Deputación solicita un cribado para o persoal e menores do Centro Príncipe Felipe ao ser poboación vulnerable

Pontevedra
20 de xaneiro 2021

Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial, indicaba este mércores que tamén ten previsto solicitar a Política Social o procedemento de actuación para a atención dos menores en réxime de residencia no centro de día. Ademais, anunciou que, ante o incremento de contaxios na provincia, volverá a potenciarse o teletraballo entre o persoal da Deputación

Carmela Silva, presidenta da Deputación, anuncia as medidas para facer fronte á terceira vaga da pandemia na institución provincial
Carmela Silva, presidenta da Deputación, anuncia as medidas para facer fronte á terceira vaga da pandemia na institución provincial / Deputación de Pontevedra

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, anunciaba este mércores que se están perfilando as medidas que se adoptarán na institución provincial para afrontar esta terceira onda da pandemia da covid-19

Sinalou que no Centro Infantil Príncipe Felipe, desde hai un ano, o comité de seguimento mantén reunións todas as mañás para avaliar a situación do persoal e dos menores que son atendidos nestas instalacións. A presidenta indicou que neste centro en lugar dos dez días que establece Sanidade para as corentenas, manteranse catorce. Tamén se decidiu que os menores que se atopan en situación residencial durante os próximos 15 días permanecerán nas instalacións, sen saídas, para evitar riscos de contaxio. Ata o de agora contaban cun réxime de saídas dunha vez á semana.

Ademais, trasladarán á Consellería de Política Social, como responsable autonómica, que marque as medidas que se deben adoptar cos menores usuarios do Centro de Día. Silva sinalou que é poboación vulnerable e solicita da administración autonómica como se deben de regular as entradas e saídas destes menores.

A máxima representante provincial afirmou que están "preocupados pola situación" que se pode producir no domicilio destes menores. Entende que debe tomarse algunha decisión e é unha responsabilidade que corresponde a Política Social. Aclarou que a relación da Deputación tanto coa Consellería como co SERGAS é de "máxima colaboración" para resolver calquera cuestión relacionada coa pandemia e o centro infantil.

Apuntou que a Deputación solicita a realización dun cribado masivo para persoal laboral e menores do Príncipe Felipe. Carmela Silva considera que esta intervención debe realizarse en todos os centros de menores de Galicia ao tratarse de poboación vulnerable.

A presidenta agradeceu o traballo que realiza a dirección do centro e do equipo de seguimento da covid durante todos estes meses ao adoptar decisións sanitarias máis aló do que establecen as normas, illando os casos que aparecen e tamén alertando os seus contactos estreitos e ocasionais, con tramitación das probas PCR.

A DEPUTACIÓN PRIORIZA O TRABALLO TELEMÁTICO

Sinalou que estas decisións foron acordadas co vicepresidente César Mosquera e comunicada ao portavoz da oposición Jorge Cubela, que tamén apoia as medidas adoptadas no Príncipe Felipe.

Está previsto que se reduza a presenza física nos postos de traballo para priorizar o teletraballo, Só se manterán de forma presencial os postos esenciais coa intención de establecer as máximas garantías de protección, asegurou a presidenta provincial. 

Neste sentido, durante este mes as xuntas de goberno, plenos e comisións informativas volverán realizarse de forma telemática. "O máis importante é a saúde da xente", afirmou Carmela Silva, que explicou que o delegado da área de persoal tamén está a comunicar aos sindicatos con representación na institución as medidas que se adoptarán ante esta terceira onda da pandemia coa elaboración dunha relación de postos de traballo que pasarán a exercer traballo online desde os seus domicilios..