A Deputación selecciona cinco proxectos na segunda edición da Aceleradora Turistic

Pontevedra
14 de marzo 2019

Dun total de 14 propostas presentadas foron seleccionados os proxectos do Pazo de  Rubianes,  Vigopeques  Trip, Celtic  Ways, En Turismo de Época e un albergue na Guarda

Cinco proxectos foron seleccionados na segunda edición da Aceleradora Turistic
Cinco proxectos foron seleccionados na segunda edición da Aceleradora Turistic / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra acaba de seleccionar cinco proxectos na segunda edición da Aceleradora Turistic, un programa destinado a fomentar os proxectos de innovación, márketing e adaptación ás novas tecnoloxías das empresas do sector turístico que lles brindará apoio e asesoramento personalizado para a posta en marcha das súas propostas.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou en rolda de prensa que dun total de 14 propostas presentadas foron seleccionados os proxectos do Pazo de Rubianes, Vigopeques Trip, Celtic Ways, En Turismo de Época e un albergue na Guarda.

No caso do Pazo de Rubianes, unha das adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas, os promotores buscan poñer en marcha un proxecto de excelencia enoturística para o que necesitan asesoramento para conseguir máis presenza e máis visibilidade, para ser capaces de atraer a máis visitantes.

Vigopeques Trip é un proxecto de Begoña Estévez que parte dun blogue de lecer e turismo familiar que leva 7 anos funcionando e que agora, en demanda dos seguidores do blogue, pretende transformarse nun espazo para a organización de viaxes e propostas de turismo e lecer para familias.

Manuel Lage, con Celtic Ways, situada en Mondariz, é unha empresa de servizos turísticos especializados para a formación de guías turísticas, buscando a excelencia nos servizos que se ofertan no sector.

En Turismo de Época, Jesús Díaz propón a realización de rutas turísticas, con guía oficial, nun vehículo antigo de época, evocando así como eran as viaxes noutros tempos e facendo unha proposta innovadora e diferenciadora.

Os irmáns Troncoso están a arrincar na Guarda un albergue turístico a uns metros do Camiño Portugués da Costa. É unha casa mariñeira antiga, que terá espazo para 17 persoas, e que aposta polo turismo sustentable, de calidade e de promoción local.

A través da Aceleradora Turistic, estes proxectos reciben apoio personalizado para arrincar e potenciar a súa respectiva iniciativa. Terán asesoramento para ámbitos como a promoción e o márketing, a creación de plans de empresa e ferramentas tecnolóxicas para a comercialización dos seus servizos e a mellora da súa presenza en redes sociais.