O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres rescindir o convenio de colaboración entre esta administración provincial e o Concello de Pontevedra para a execución do novo vial de interconexión entre a rúa de Rosalía de Castro e a Avenida de Marín en Mollavao.
O presidente da Deputación, Luis López, explicou que se reservasen para outros proxectos os 940.000 euros cos que estaba dotado este acordo para a construción deste vial denominado acceso oeste a Pontevedra.
O convenio asinouse en decembro do ano 2020 polo presidente en funcións da Deputación, César Mosquera, e polo alcalde de Pontevedra, Miguel Lores, nun acto que consideraron "histórico" polo que a institución provincial confirmábase como responsable das tramitacións administrativas e de achegar o financiamento (938.824 euros) e o Concello como responsable de licitar as obras.
O convenio expiraba en decembro de 2024 pero o atraso de Costas en autorizar esta obra aboca ás administracións local e provincial a asinar un novo acordo.
O Pleno tamén aprobou a adquisición directa e onerosa, conxuntamente coa Xunta de Galicia, do Teatro Cine Fraga no Concello de Vigo. A vicepresidenta provincial Luisa Sánchez, que foi a encargada de presentar a proposta, explicou que o interese da Deputación para a adquisición do Cine Fraga de Vigo céntrase fundamentalmente "en su potencial como espacio clave para el desarrollo de las políticas culturales y en su relevancia como edificio emblemático en el contexto histórico y cultural de la ciudad".
O grupo provincial do BNG votou en contra da compra por considerar que é unha "intromisión na política cultural de Vigo" e tamén por "abrir a espita" para que a administración provincial realice operacións semellantes noutros concellos. O voceiro César Mosquera xustificou o voto nacionalista argumentando que a compra do inmoble vigués a Abanca rompe "de maneira moi violenta" os criterios consolidados cos que actuaba ata o de agora o goberno da Deputación, non só nos dous últimos mandatos gobernados polo bipartito, senón tamén nos anteriores anos de goberno do Partido Popular.
Ademais na sesión plenaria, por unanimidade, aprobouse a segunda prórroga do acordo marco que regula as obras de cunetas de seguridade na rede viaria provincial.
A corporación provincial tamén aprobou o proxecto técnico modificado da actuación "Nova senda peonil no Paseo Naval" presentado polo Concello da Illa de Arousa, e o proxecto de "Mellora da mobilidade peonil na estrada EP-9701 Baión – András" no Concello de Vilanova de Arousa e do expediente de expropiación.
Ademais debatéronse tres mocións nas que o Partido Popular impuxo a súa maioría para sacar adiante as súas propias propostas, a primeira "en defensa dun sistema de financiamento xusto e solidario entre as Comunidades e Cidades Autónomas" e unha segunda moción sobre a situación política de Venezuela "para que España lidere na Unión Europea o recoñecemento de Edmundo González como presidente electo lexítimo de Venezuela, e condenar a sistemática política de criminalización por parte do réxime de Nicolás Maduro".
Con esta mesma maioría do PP foi rexeitada a moción do grupo provincial do PSdeG-PSOE para esixir á Xunta de Galicia que aumente os importes relativos na participación no Fondo de Cooperación Local cos Concellos.
O grupo provincial do BNG volveu criticar unha vez máis a ‘desnaturalización’ dos Plenos provinciais coa presentacións de mocións "que nada teñen que ver coas competencias da Deputación". Mosquera invitou a utilizar outros foros para debater cuestións como o financiamento autonómico ou a situación de Venezuela.