A Deputación repartirá compost e instalará mesas explicativas no campus

Pontevedra
19 de novembro 2018

Os mestres composteiros falarán da xestión dos residuos e da problemática ambiental, económica e social asociada ao lixo municipal

Composteiro comunitario situado en Eduardo Pondal
Composteiro comunitario situado en Eduardo Pondal / PontevedraViva

Dar a coñecer o que se fai cos desperdicios dos comedores do campus universitario de A Xunqueira, visibilizar a compostaxe de proximidade nas facultades e o uso do compost nas propias zonas verdes do campus son algúns dos obxectivos das xornadas informativas que o persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación e do Concello de Pontevedra realizarán estes días con motivo da Semana Europea de Prevención de Residuos na cidade.

Os mestres composteiros do Plan Revitaliza estarán este martes día 20 e o mércores día 21 repartindo mostras de compost e dando información sobre compostaxe e residuos en xeral nos comedores universitarios, primeiro en Ciencias Sociais e ao día seguinte en Forestais, en horario de 13 a 15 horas.

Ademais, as persoas que se acheguen aos comedores universitarios poderán coñecer máis datos con folletos sobre compostaxe comunitaria e individual, así como cunha pequena tirada de manteis de papel reciclado que se distribuirán coas bandexas dos menús baixo o título "Sabes o que se fai cos teus restos do comedor". Neles explícase que os biorresiduos do comedor se tratan nos centros de compostaxe existentes no propio campus.

Os mestres composteiros falarán da xestión dos residuos e da problemática ambiental, económica e social asociada ao lixo municipal, así como do contexto legal, que establece que de cara a 2020 a Unión Europea esixe preparar para o reciclado ou a reutilización o 50% da bolsa do lixo. O persoal técnico explicará que en Galicia máis da metade do lixo son biorresiduos (orgánicos vexetais ou de restos de comidas), polo que non é posible chegar ás cifras de reciclaxe da UE só abordando o resto das fraccións de papel, vidro e envases.

En canto ao Plan Revitaliza, explicarase que a Deputación e o Concello de Pontevedra apostan pola compostaxe e o tratamento a quilómetro cero dos biorresiduos, xa que, segundo argumentan, abarata os custes de transporte e tamén de tratamento, ademais de supoñer unha mellora ambiental ao deixar de emitir o CO2 de queimar os residuos como o de transportalos.