A Deputación recorrerá a sentenza que recoñece como empregados a 38 ex bolseiros

Pontevedra
29 de maio 2020

"Imos chegar, se é necesario, ao Tribunal Supremo", asegurou a presidenta provincial Carmela Silva ao anunciar o recurso da Deputación á sentenza do pasado 12 de maio, do Xulgado do Social número 4 da cidade do Lérez que condena á institución provincial a recoñecer como relación laboral e non formativa a que mantiña con 38 ex beneficiarios dos seus programa de bolsas  

Carmela Silva
Carmela Silva / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra recorrerá diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a sentenza que recoñece como empregados a 38  exbecarios da administración provincial. 

"Imos chegar, se é necesario, ao Tribunal Supremo", asegurou a presidenta provincial Carmela Silva ao anunciar o recurso da Deputación á sentenza do pasado 12 de maio, do Xulgado do Social número 4 da cidade do Lérez que condena á institución provincial a recoñecer como relación laboral e non formativa a que mantiña con 38 ex beneficiarios dos seus programa de bolsas, despois de que a Inspección de Traballo levantase acta en 2018 e atopase que estas persoas eran traballadores encubertos.

Carmela Silva respondeu á pregunta formulada no pleno pola deputada do Partido Popular, Pepa Pardo que se interesou polas medidas que vai adoptar a Deputación diante desta sentenza desfavorable.

"Imos defender o público" anticipou a presidenta que quixo que fose o deputado Carlos López Font o encargado de facer "algunhas aclaracións" sobre este asunto.

Carmela Silva lembrou que este plan de prácticas laborais é "un plan herdado" que foi posto en marcha no ano 2012 cando era presidente da Deputación o popular Rafael Louzán e que cando se produciu en cambio político no ano 2015 "a este goberno non lle gustaba" e modificouno, estando agora en vigor un modelo de contrato en prácticas. 

Con todo durante algún tempo "mantivémolo" porque "nós consideramos que aquel plan cumpría coas normas" e estaba "asumido" polo Goberno do Estado. "Imos defender ese plan aínda que non sexa o noso plan", insistiu Silva.

López Font explicou que no ano 2016 "con el objetivo de intentar cambiarlo y mejorarlo" introducíronse cambios no Plan de Prácticas Laborais anterior e no ano 2017 púxose en marcha o novo plan "más garantista y con más derechos". No 2019 tivo lugar "un cambio definitivo" e apróbase o novo plan, denominado "O teu primeiro emprego" que se basea nun contrato de prácticas con "todas las garantías". 

"Me sorprende muchísimo que vengan a cuestionar a este gobierno por este tema", dixo o deputado socialista. "Lamentamos mucho que hoy sea el mundo al  revés", engadiu.