A Deputación recoñece o talento turístico das empresas da provincia

Pontevedra
24 de outubro 2018

As empresas Ecohotel Nos, Partee, Alvientoo, Piragüilla e Hotel Bosquemar foron recoñecidos este mércores coa primeira edición dos Premios Talento Turístico da provincia de Pontevedra concedidos pola Deputación Provincial e entregados nun acto no castelo de Soutomaior 

Entrega dos I Premios Talento Turístico da provincia de Pontevedra
Entrega dos I Premios Talento Turístico da provincia de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

As empresas Ecohotel Nos, Partee, Alvientoo, Piragüilla e Hotel Bosque Mar foron recoñecidos este mércores coa primeira edición dos Premios Talento Turístico da provincia de Pontevedra concedidos pola Deputación Provincial e entregados nun acto no castelo de Soutomaior, no que se deu a coñecer que no primeiro trimestre de 2019 a provincia será a sede da Demoday de Turismo e TICS do noroeste peninsular

A presidenta da Deputación, Carmela Silva; o deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez; e o deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, entregaron os galardóns e destacaron que o obxectivo dos premios é apoiar as iniciativas desenvolvidas na provincia para impulsar o talento e a innovación para acadar unha maior calidade e excelencia no sector turístico.

Tras as deliberacións e a decisión final do xurado, a presidenta da Deputación de Pontevedra fixo entrega do premio Talento Turístico Gastronómico para Ecohotel Nos, un establecemento de Silleda rexentado por María Nieves López Neira que traballa coa cociña experiencial, empregando no seu menú produtos típicos da zona e proveedores locais ecolóxicos e sustentables.

Na modalidade de Talento TIC, recibiu o premio Víctor Longo da empresa Partee, unha plataforma integral na nube que permite o check-in en liña para aloxamentos turísticos. Inclúe a xeración de partes de entrada de viaxeiros, o envío automático ao corpo policial correspondente de información ou a firma do hóspede sobre a pantalla de dispositivos móbiles dunha maneira cómoda e sinxela.

O premio ao Talento Experiencial foi para Alberto Ribas de Alvientoo, un blog especializado en gastronomía, turismo e eventos. Realizou unha acción de promoción turística que xerou máis de 15 millóns de impactos en redes sociais e conta con multitude de artigos publicados dos diferentes municipios e recursos turísticos da provincia. Foi premiado porque o seu contido, de calidade, serve de reclamo turístico xa que se centra en experiencias persoais dos diferentes participantes.

En canto ao Talento Turístico Innovador, recibiu o premio Marta Iglesias de Piragüilla de A Illa de Arousa, unha empresa comprometida coa innovación e a calidade turística. Foi premiada porque puxo en marcha unha app móbil propia para que os seus visitantes descubran máis sobre o entorno que están visitando. 

O premio ao Talento Turístico sostible recaeu en mans de Óscar Álvarez do Hotel Bosquemar do Grove, un aloxamento turístico enfocado no turismo sustentable. Este hotel dispón de máis de 70 paneis solares, diminuíndo o emprego de combustibles fósiles e emprega recursos propios da terra, cultivando unha horta libre de fertilizantes artificiais, e dispón de dous cargadores para vehículos eléctricos. Traballa actualmente na construción dunha planta de enerxía fotovoltaica.