A Deputación reclamará á Axencia Tributaria a devolución de 31.000 euros do céntimo sanitario

Pontevedra
21 de maio 2014

Correspóndese co importe que a Administración Provincial pagou polo Imposto sobre Ventas Minoristas de Hidrocarburos entre 2010 e 2012

Sede da Deputación de Pontevedra
Sede da Deputación de Pontevedra / Juan Mejuto

A Deputación de Pontevedra reclamará á Axencia Tributaria a devolución do céntimo sanitario cobrado entre 2010 e 2012, ambos os anos incluídos, e que ascende a un total de 30.965,72 céntimos.

Esta solicitude prodúcese despois de que unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea declarase contrario ao dereito comunitario o cobramento deste imposto (Imposto sobre Ventas Minoristas de Determinados Hidrocarburos), instaurado a nivel estatal en 2002 para contribuír ao financiamento da sanidade e que instaurou a Xunta de Galicia.

Malia que a sentenza implica que este imposto non se debería ter cobrado en ningún momento, só se poden reclamar as cantidades correspondentes ao período 2010-2012. As anteriores a 2010 non poden ser reclamadas porque terían prescrito, tal e como establece a Lei Xeral Tributaria, segundo a cal só se poden solicitar as devolucións derivadas de ingresos indebidos nos últimos catro anos, e en 2012 xa deixou de cobrarse o antedito imposto.

Para poder reclamar, a Axencia Tributaria dispón dun modelo normalizado de solicitude na Sede Electrónica que pode utilizarse para realizar esta reclamación. Malia todo, só poderán facelo os que dispoñan das facturas correspondentes.