A Deputación de Pontevedra recibe 40 solicitudes para traballar no programa Tropos,unha iniciativa que se desenvolverá nos próximos dous anos e que pretende modernizar os procesos selectivos das administracións locais da provincia. O proceso de selección do persoal que redactará as bases deste revolucionario sistema de contratación atópase xa en marcha e nos próximos días os aspirantes terán que presentar toda a documentación requirida antes de iniciar as probas de selección.
As bases desta convocatoria subliñan que a Deputación busca dous funcionarios para o posto de técnico especialista en Recursos Humanos que estarán adscritas ao servizo de Recursos Humanos e Formación do organismo provincial. A súa función será a de elaborar guías e programas de formación para o funcionariado sobre as normas e regras que se deben adoptar para mellorar os procesos selectivos en todas as súas fases.
Así mesmo, estes dous técnicos deberán buscar a información necesaria, definir e redactar as funcións das prazas e postos de traballo que se determinen, así como definir os coñecementos, habilidades, capacidades e competencias que se consideran necesarias para o bo desempeño destas prazas. Definirán tamén as probas do proceso selectivo e os méritos para valorar.
Para cubrir estas dúas prazas, a institución provincial estableceu xa un sistema de oposición libre que xa incorpora os mecanismos que quere poñer en práctica no novo programa para futuras probas de selección. O temario reduciuse a 25 temas e os exercicios están deseñados para garantir que en calquera caso as persoas aspirantes teñan un dominio suficiente de todos os temas, programas e competencias do perfil.