A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, vai subvencionar o deseño de camiños escolares seguros nas estradas provinciais.
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, explicou que os concellos poderán solicitar a axuda provincial para redactar proxectos de mellora de contornas escolares para centros educativos situados nunha área de influencia de 200 metros dunha vía provincial que se utilice como acceso.
Benítez explicou que o orzamento inicial para a iniciativa é de 300.000 euros, pero que se ampliará en función do número de solicitudes dos gobernos locais da provincia.
O financiamento da Deputación será dun 75% e o concello deberá aportar o 25% restante.
Cada proxecto subvencionado deberá ter unha parte socioeducativa, de traballo coa comunidade escolar, ademais dunha parte técnica que conclúa cales son as actuacións e obras que se deben executar para crear un espazo seguro para que os escolares poidan camiñar á escola seguros polas estradas provinciais.
Benítez explicou que esta aposta polos camiños escolares seguros na rede provincial de estradas débese a que a Deputación “é sensible a que cada vez menos nenos e nenas van camiñando sos á escola e que hai que procurar que os espazos públicos sexan seguros e que as persoas poidan gozar deles”.
O anuncio do 'Plan Camiña á Escola!' foi realizado este mércores 11 no transcurso dunha xornada de concienciación na que a Deputación convidou a políticos e técnicos de todos os concellos da provincia, direccións de centros escolares, asociación de nais e pais, así como a policías locais.
A xornada foi inaugurada pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen incidiu no cambio de criterio do goberno provincial ao poñer ás persoas no centro das políticas de mobilidade en lugar de aos vehículos.
“O espazo público ten que ser de todas e de todos. Nos anos 70 pensouse máis no desenvolvemento económico salvaxe que nas consecuencias e nas súas afeccións. É tempo de que no século XX cambiemos como se constrúen as cidades. Buscamos crear unha provincia diferente”, insistiu a presidenta.