O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, e o deputado de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez, presentan o novo plan de reactivación concibido como "un auténtico plan de choque" para todos os concellos da provincia.
O Goberno provincial, formado polo Partido Socialista e o BNG, acordou aumentar o Plan Concellos do ano 2022 ata os 43 millóns de euros, e ademais manterá no ano 2023 leste mesmo incremento.
O Executivo provincial tamén decidiu que este plan sexa bianual, co que o próximo ano os concellos poderán dispoñer dos 43 millóns do 2022 máis 30 millóns da Liña 1 do Plan Concellos do 2023. "Estamos a falar de 73 millóns de euros", remarcou Santos Héctor.
"Neste Goberno temos claro que o ano 2022 ten que ser o ano da recuperación", dixo o deputado socialista.
Segundo Santos Héctor, na Deputación de Pontevedra "levabamos tempo traballando en como aumentar os recursos", en primeiro lugar "para que os concellos tivesen máis oportunidades de encarar un ano tan importante" e tamén para que os concellos poidan afrontar o acceso a fondos europeos "que van ser a principal ferramenta para consolidar esta reactivación".
Santos Héctor destacou que "o Plan Concellos é o instrumento de investimento máis potente que a Deputación tivo nestes anos para transformar os concellos da provincia" e insistiu en que esta nova achega económica "vai revitalizar os concellos, xerar actividade e crear ou manter emprego". É, ademais, a principal canle de transferencia de recursos aos municipios "na que a Deputación de Pontevedra é líder en todo o territorio do Estado", apuntou o deputado de Cooperación.
Nestes seis anos que leva gobernando na Deputación de Pontevedra o bipartito (PSOE + BNG) "non hai concello de ningunha cor que discuta que esta iniciativa, que respecta a autonomía local, trata aos concellos como maiores de idade" e supón investimentos feitos "con criterios obxectivos, con equidade e con parámetros técnicos" que "serviu de modelo para outras administracións".
Segundo os datos achegados pola Deputación, as transferencias do Plan Concellos foron nestes 6 anos de 252 millóns de euros, o que supuxo a execución de 2.721 obras, centos de actividades sociais, culturais e deportivas ademais de operacións de gasto corrente, pago a provedores ou amortización de débeda. E cifran que foron 5.093 postos de traballo creados nos concellos con esta liña de axudas.
César Mosquera comentou que a intención do Goberno provincial era compartir este Plan Concellos co Partido Popular, algo que "estaba acordado" aínda que onte martes "a última hora fíxose esa xogada bastante absurda" por parte da oposición ao convocar aos medios de comunicación de maneira urxente para anunciar que apoiaría o principal plan de investimentos da Deputación tras "conseguir que o goberno aceptase" as propostas dos populares.
"Non tiñamos ningún interese en levar protagonismo", dixo Mosquera, "queriamos que fora toda a Corporación a que o sacase adiante, e de feito estivo comprometido que iamos comparecer aquí os tres" indicou Mosquera en referencia ao portavoz do PP, Jorge Cubela.
A razón deste cambio de opinión do PP, segundo o vicepresidente, "exactamente foi porque non lle deixaron. Nunca vin tal cousa e mira que levo anos. Que un portavoz chegue a un acordo, que nos reunamos aquí e que logo chame por teléfono e diga: 'es que yo quería pero no me dejan'".
ORZAMENTOS PARA 2022
Nesta comparecencia de prensa o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, avanzou que o Goberno provincial leva traballando desde antes do verán na confección dos orzamentos da institución para o próximo exercicio.
A idea do Goberno provincial é que o 1 de xaneiro os orzamentos estean en vigor tanto o orzamento como o Plan Concellos.