A Deputación presenta un novo Plan Concellos co que "os alcaldes do PP están encantados"

Pontevedra
02 de decembro 2016
Actualizado: 15:20

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, presentaron este venres o Plan Concellos 2017 co que, aseguraron, "os alcaldes do PP están encantados" a teor dos comentarios que moitos deles transmitíronlles a título individual

Carmela Silva e César Mosquera
Carmela Silva e César Mosquera / Mónica Patxot

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, presentaron este venres o Plan Concellos 2017 co que, aseguraron, "os alcaldes do PP están encantados" a tenor dos comentarios que moitos deles transmitíronlles a título individual.

Os rexedores populares terían valorado positivamente a "maior contía económica" que agora lles achega a administración provincial e a existencia duns "criterios de repartición equitativos e claros" que lles permiten "traballar cunha previsión de ingresos, sendo máis eficientes", segundo manifestaron tanto Carmela Silva como César Mosquera quen enmarcou nunha "estratexia partidista" as críticas contra este Plan Concellos do grupo provincial do Partido Popular que fan que "cando un debate convértese en irracional e sen ningún dato sexa difícil sostelo".

Carmela Silva mostrou a súa satisfacción porque este "programa modélico" que aposta pola "autonomía municipal" estea a ser "copiado" pola Deputación da Coruña, "a petición dos alcaldes populares" o que demostra o seu "éxito".

O Plan Concellos constitúe a partida de gasto máis grande da Deputación cun montante global de 41,2 millóns de euros, o que supón un incremento dun 3% respecto ao 2016. 

En liñas xerais esta nova edición do Plan Concellos corrixe algúns aspectos da anterior edición ao facer "máis áxil" a súa tramitación, xa que agora os rexedores dispoñen de marxe ata o momento da firma da resolución para indicar a que van destinar os fondos.

Entre outras novidades, de fronte ao próximo exercicio, desaparece unha das catro liñas de subvención para fusionar as actividades culturais cos gastos correntes. Deste xeito, haberá un primeiro apartado para investimentos  ao que se destinan 25,7 millóns, o 62,5% do Plan; un segundo apartado para amortización, pago de débeda e gastos correntes dotado con 6,1 millóns de euros, o 15% do Plan, e un terceiro capítulo destinado a emprego, conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, con 9,2 millóns de euros, o 22,5%. 

Atendendo a unha suxestión exposta polos alcaldes, os gobernos locais poderán destinar os recursos sobrantes das dúas últimas liñas á dos investimentos.

Como curiosidade o recentemente fusionado concello de Cerdedo-Cotobade, verá minguados os seus ingresos respecto da suma do que antes percibían individualmente, tal e como explicara o goberno provincial, xa que ao aumentar a súa poboación cambia o criterio de repartición da Deputación que destina máis axudas aos municipios máis despoboados. O novo concello recibirá un total de 715.417 euros mentres que o ano pasado Cerdedo tivo 388.627 e Cotobade 512.643 euros.

Carmela Silva anunciou que este luns 5 de decembro está previsto que a Deputación envíe unha carta a cada un dos 57 concellos da provincia (excepto Pontevedra e Vigo) na que explicarán o financiamento ao que optan e cales son os principios básicos e as bases.

CRÍTICAS DO PP

O grupo provincial do Partido Popular criticou que Carmela Silva "faga agora de voceira dos alcaldes populares mentres leva meses negándolles diálogo".

A voceira do PP, Nidia Arévalo, considera que esta é unha mostra máis "da demagoxia e das mentiras" do bipartito provincial.

"Segue sendo un mal plan porque nace de costas aos alcaldes desta provincia, que piden desde hai meses sentarse para falar e facer propostas para o reparto dos fondos provinciais", engadiu.