A Deputación de Pontevedra despregou este venres a pancarta 'Fronte ao negacionismo. Alianzas desde o feminismo' que lucirá no Pazo provincial con motivo do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
A presidenta provincial, Carmela Silva, adiantou en rolda de prensa que o próximo 22 de novembro a Deputación vai celebrar "un acto moi especial" no Castelo de Soutomaior para conmemorar o centenario do nacemento da actriz María Casares.
"Terá unha camelia co seu nome que imos plantar ese día no Xardín de Camelias con Nome de Muller", comentou a presidenta.
Nesta comparecencia Carmela Silva tamén informou que a Deputación de Pontevedra adxudicou os patrocinios das producións audiovisuais "que melloran a visibilidade da provincia", cun investimento de 40.000 euros. Aceptáronse catro curtametraxes e dúas longametraxes das sete solicitudes presentadas. Delas, catro producións rodaranse integramente na provincia.
Son as longametraxes "O corno do centeo" e "A traxedia de Bou Eva" e as curtas "Morte e meu avó", "Alicia fai cousas", "Véxote" e "O son das abellas".
A presidenta provincial tamén informou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico concedeu á Deputación de Pontevedra unha subvención de 280.700 euros para desenvolver o programa Hub para a "loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural". Implantarase na Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Moraña e Forcarei.
Ademais, na Xunta de Goberno Provincial celebrada este venres aprobáronse proxectos para novas instalacións para o uso térmico de biomasa en infraestruturas municipais para Cangas, A Cañiza, Portas Redondela, Tomiño e Vilaboa cun orzamento de 454.500 euros, subvencionado ao 80% polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDEA).
POLÍGONO DE BARRO
Nesta mesma Xunta de Goberno aprobouse a venda dunha nova parcela do polígono de Barro en favor da empresa Mariscos Alumar. E tamén se aprobou a favor desta empresa a ocupación doutra nova parcela cun acordo de dereito de superficie. Mariscos Alumar suma así tres parcelas.
PLAN CONCELLOS
Finalmente, nesta mesmo Xunta de Goberno aprobáronse catro axudas do Plan Concellos 2022-2023 para Caldas de Reis, Tui e Pazos de Borbén, cun orzamento de preto de 600.000 euros.