Carmela Silva, presidenta da Deputación, facía un balance este martes dos investimentos do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía de España (IDAE) con concesión de fondos europeos.
Ata o de agora, estes fondos concedidos á Deputación de Pontevedra superan os 15,3 millóns de euros, dos que 12,22 son recursos europeos para acometer unha "gran transformación da provincia", afirmou Silva. Europa financia o 80% dos proxectos que promoven os Concellos e o 20% é asumido pola institución provincial.
Na primeira convocatoria dos IDAE realizáronse intervencións en 43 municipios da provincia por unha cantidade de catro millóns de euros, que permitiron reducir as emisións en 1.788 toneladas de CO2 ao ano. Os proxectos consistiron en actuacións na iluminación exterior sostible en 41 concellos coa aplicación de luces led. Tamén se lograron 162.000 euros para cambiar a iluminación de Bens de Interese Cultural en sete concellos; ademais de 520.000 euros para subvencionar o cambio de caldeiras de biomasa en edificios públicos como sucedeu en Portas e Caldas de Reis, rebaixando á metade o gasto de enerxía.
Na segunda convocatoria o financiamento alcanzou os 7,3 millóns de euros destinados a 35 municipios, cun aforro de enerxía do 52% e 2.930 toneladas reducidas de emisión de CO2. Entre as cantidades empregadas destináronse 484.000 euros para instalacións de biomasa en concellos como Portas ou Vilaboa e para implantar sistemas máis sostibles de xestión de auga para aforrar o 28% do consumo en municipios como O Grove, Meis, Barro ou Marín, entre outros.
Tamén se destinaron fondos para infraestruturas coa idea de mellorar a mobilidade segura centrando a prioridade no peón. É o caso de obras realizadas, entre outros municipios, en Ponte Caldelas, Poio ou Meaño. O investimento superou os catro millóns de euros.
A presidenta provincial anunciou que coa chegada de financiamento dos fondos Next Generation poñeranse en marcha dúas oficinas en Cambados e en Tui para axudar a transformar dixitalmente as pequenas empresas en municipios de menos de 20.000 habitantes, ao longo de 24 meses, na contorna do Salnés e en Baixo Miño.
SERVIZO DE CONSULTORÍA
Carmela Silva avanzou tamén que este venres a Xunta de Goberno aprobará o expediente dun acordo marco para o próximos catro anos dun servizo de consultoría e asistencia técnica para proxectos financiados con fondos europeos. A intención é que os Concellos e empresas atópense con facilidades na tramitación para conseguir os fondos Next Generation ou, no futuro, os fondos estruturais.
A máxima dirixente provincial explicou que ata o de agora era a propia Deputación quen se encargaba de xestionar estas actividade pero, ante a gran cantidade de proxectos, contratarán estas asistencias técnicas cun investimento superior aos tres millóns de euros. Realizarase unha convocatoria pública á que poderán concorrer consultoras externas con persoal cualificado para redactar documentación técnica, memorias, orzamentos e proxectos construtivos.
O prazo para presentarse a este concurso será de 30 días naturais desde que se envíe o anuncio de licitación para que se publique na Oficina da Unión Europea. A contratación realizarase en cinco lotes referidos a proxectos de medio natural e eficiencia enerxética, cun orzamento superior a 938.000 euros; a enxeñería civil e arquitectura, con ao redor de 1.150.000 euros; proxectos de novas tecnoloxías, con 270.000 euros; propostas sociais, de benestar e saúde, con 333.000 euros; e por último, proxectos de emprego, con 342.000 euros.
As consultoras deberán cumprir coas obrigas en materia medio ambiental, social e laboral porque, segundo a presidenta, é necesario un "compromiso cos valores que se defenden nos Next Generation".
Tamén nos próximos días aprobarase unha liña extraordinaria de fondos propios por máis de 201.000 euros, destinada a concellos de menos de 50.000 habitantes para que contraten asesorías e consultoras para proxectos que son apoiados economicamente polo Ministerio de Transportes. Estas axudas permiten presentar proxectos de rehabilitación de edificios públicos de ata tres millóns de euros, segundo explicou Carmela Silva.