A Deputación pon todas as prazas de acollida do Príncipe Felipe a disposición da recepción de migrantes

Pontevedra
30 de xullo 2024
Actualizado: 15:00

Pontevedra conta cun recurso "idóneo" para a acollida de emerxencia de migrantes, a residencia de Príncipe Felipe. É o que sostén o PSdeG-PSOE, que insta ao goberno provincial a ofrecer estas instalacións para axudar o Goberno a lidar con esta "catástrofe humanitaria" algo que o goberno provincial reitera que xa fixo

Instalacións do Centro Príncipe Felipe
Instalacións do Centro Príncipe Felipe / Mónica Patxot

Pontevedra conta cun recurso "idóneo" para a acollida de emerxencia de migrantes, a residencia de Príncipe Felipe. É o que sostén o PSdeG-PSOE, que insta ao goberno provincial a ofrecer estas instalacións para axudar o Goberno a lidar con esta "catástrofe humanitaria"  algo que o goberno provincial reitera que xa fixo.

Ante o "vergoñento silencio" da Deputación de Pontevedra, os socialistas reclaman a Luis López "que reflexione e teña un pouco de altura humana" para dar acubillo a estes migrantes, tanto menores como adultos, porque "pode facelo sen problemas".

O PSOE xa levou este asunto ao pleno da Deputación de Pontevedra celebrado o pasado venres e a deputada do PP, Sandra Bastos, puxo en valor o traballo que se desenvolve na cidade infantil Príncipe Felipe e dixo que "nestes momentos ten un cento por cento de ocupación" e que "cando temos algunha praza vacante ponse ao dispor da Xunta".

Segundo informou a deputada do PP o centro Príncipe Felipe xa está a acoller a 13 menores migrantes "sen ningún referente familiar".

Este mesmo martes, a deputada provincial de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos, vén de reiterar que "a Deputación de Pontevedra pon todas as prazas de acollida do Centro Príncipe Felipe a disposición da recepción de migrantesde xeito áxil e coa maior das dilixencias", polo que lamentou o "ruído vergoñento" do PSOE Provincial ante un asunto da gravidade desta catástrofe humanitaria.

A responsable provincial explicoulles aos socialistas que este servizo conta con distintos fogares que están preparados para longas estancias, como sería o axeitado neste caso, e ademais dispoñen dun protocolo para a protección e coidado de menores. Ao respecto, reiterou que todas estas prazas "póñense automaticamente en mans" da Consellería de Política Social da Xunta tan pronto como quedan baleiras -de feito o próximo luns liberarase unha praza- e explicou que "o problema sitúase, continuamente, na falta de dilixencia e xestión do Goberno de España".

Así, concretou que este departamento da Xunta aínda segue agardando que o executivo central lle envíe aos 28 menores anunciados o pasado ano para a súa distribución nos espazos habilitados en toda Galicia.

"A diferenza do anterior goberno provincial, que tiña Príncipe Felipe completamente abandonado, agora está funcionando e, máis alá das obras de mellora que estamos acometendo, recibimos a migrantes que necesita desta dependencia durante todo o ano e cada praza libre que queda se ofrece ás autoridades e se esgota", detallou a deputada.

Por elo, Sandra Bastos lamentou que os socialistas pontevedreses "traten de enlamar cun asunto da máxima gravidade, no que, ademais, a principal responsabilidade e mal funcionamento do mesmo depende exclusivamente do Goberno de España, que varía as cifras de migrantes, logo non os envía e só busca tentar salvar a cara ante a opinión pública nunha cuestión na que están completamente perdidos e na que non aproveitan os recursos que poñen a súa disposición as comunidades autónomas e as deputacións como a de Pontevedra".

"A única diferenza da oferta de prazas de acollida para migrantes coa Deputación da Coruña radica en que nós non nos prestamos a actos propagandísticos, pero moi pouco eficaces, dos socialistas”, aseverou Bastos que lamentou a "actitude, descoñecemento e mala fe" do PSOE Provincial: "A provincia non se merece unha oposición como esta", rematou.

Mais a voceira socialista, Ana Laura Iglesias insiste en que os populares "funcionan ao peor estilo VOX, incluíndo manifestacións e xestos claramente xenófobos como o de suxerir que os buques da Armada vixíen os cayucos ou votar en contra do reparto solidario dos menores acollidos en Canarias", censura a voceira socialista.

CHEGADA DE 14 MENORES MIGRANTES A GALICIA

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, informou este martes que Galicia acollerá a 14 menores migrantes procedentes de Canarias.

En resposta ás preguntas dos xornalistas no transcurso dun acto oficial en Pontevedra, a conselleira explicou que "Galicia vai acoller tamén menores procedentes de Canarias".

Segundo detallou, será na "primeira quincena de agosto" cando cheguen estes "catorce menores non acompañados" que forman parte da "repartición correspondente ao ano 2023".

Fabiola García asegurou que a administración autonómica xa ten "todos os dispositivos, eses centros, esas casas de acollida, preparadas para acoller a todos os pequeniños que tamén van chegar".

Mentres tanto, empezarán a chegar este martes ao albergue do Monte do Gozo en Santiago as primeiras persoas inmigrantes procedentes de Canarias que serán acollidas este verán en Galicia.