A Deputación pide á Xunta un informe técnico que demostre a eficiencia da comarcalización dos parques de bombeiros

Pontevedra
03 de novembro 2017

"En mans de quen estamos os galegos?", dixo este venres a presidenta provincial. "Que veña con informes e non con palabrería", respondeu a presidenta provincial ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, pediu á Xunta de Galicia que lle presente un "informe técnico" que demostre a "eficiencia" da comarcalización dos parques de bombeiros municipais para eliminar as "zonas de sombra" do actual mapa de emerxencias. 

"En mans de quen estamos os galegos?", dixo este venres a presidenta provincial. "Que veña con informes e non con palabrería", respondeu Silva ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Na comparecencia de prensa habitual tras a Xunta de Goberno, Carmela Silva, referiuse ao informe técnico encargado pola Deputación e presentado na recente reunión coa Xunta de Galicia para abordar a modificación do mapa de emerxencias no que se aposta a creación de "un parque central que coordine a todos os parques".

Silva matizou que este só "é un informe técnico pero non é a proposta da Deputación" e abundou que nel tamén se defende a creación de tres novos parques, no Campiño, Cerdedo-Cotobade e Portocortiñas, así como outros dous, en Cuntis e O Rosal.

Na reunión coa Xunta "falouse de comarcalización, pero non houbo ningún papel nin estudo técnico que garanta que se cumpran as isócronas de 20 minutos", apuntou a mandataria socialista que lembrou que na provincia existen municipios con "deficiencia de cobertura" aos que os actuais servizos de emerxencias tardan en chegar 40 minutos, "o dobre do tempo recomendado".

Carmela Silva informou que outro informe encargado ao xerente do consorcio de bombeiros acredita que a comarcalización non garante un tempo de resposta nesa marxe de 20 minutos. E sinalou que "a comarcalización de Pontevedra non sería eficaz máis aló de 15 quilómetros do parque o que deixa importantes zonas de sombra" en concellos como Campo Lameiro, Fornelos, Pazos de Borbén, A Lama e Cerdedo Cotobade polo que dixo estar "sorprendida" pola defensa que fai o alcalde deste último municipio da proposta de comarcalización da Xunta, "fala defendendo ao señor Rueda e non ao seu concello", dixo.

"Estamos abertos a escoitar outras posibles propostas, pero con informes técnicos", dixo Silva que engadiu que "desde logo van facer falta recursos" sinalando que os 1,7 millóns para toda Galicia que ten de consignación orzamentaria a Xunta "é un chiste, pero malo, dos que fan chorar", concluíu.

ALCALDES DA LAMA E CERDEDO-COTOBADE

O alcalde da Lama e deputado provincial do Partido Popular, Jorge Canda Martínez, instou á presidenta da Deputación a "deixarse de escusas e de tecnicismos" e que "se some á proposta de alcaldes e a Xunta" de proceder á comarcalización dos servizos de emerxencia.

O tamén popular alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, tamén reclamou á Deputación que se some ao plan para lograr a comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra porque "é a mellor solución que existe sen dúbida. Aforrariamos diñeiro e teriámola nun prazo moi curto de tempo", sinalou Cubela, quen instou á presidenta da Deputación a que "asuma as súas competencias".