A Deputación de Pontevedra acolle o 29 de abril a xornada "Na procura de refuxio", coa intención de sensibilizar a cidadanía sobre a dramática situación que están a vivir miles de persoas refuxiadas que se viron forzadas a deixar os seus fogares e desprazarse a Europa, fuxindo de diferentes conflitos bélicos, principalmente de Siria.
"Ante a maior crise humanitaria do noso tempo, a Deputación ten a obriga ética e moral de non mirar para outro lado", sinalou a presidenta Carmela Silva. "Dende aquí queremos facer un chamamento ás institucións europeas para que, desde unha posición humanitaria, proporcionen acollida ás persoas que fuxen da guerra e da miseria".
Para facilitar a comprensión do que está a acontecer, a xornada de sensibilización expoñerá as experiencias "en primeira persoa" de galegos, de profesionais e institucións que visitaron a zona.
As diferentes charlas e debates están organizadas en tres bloques temáticos, todos eles coa asistencia libre ata completar aforo.
A programación iniciarase ás 9.00 horas co bloque dedicado ás ONGs e a intervención da responsable de Unicef Galicia, Gloria González, que falará sobre os nenos perdidos nas fronteiras europeas. A continuación, a responsable de Médicos Sen Fronteiras en Galicia, María Díaz, detallará o traballo asistencial da súa organización coas persoas refuxiadas e, finalmente, Natalia Monje, responsable de comunicación de Ecos del Sur falará sobre o dereito e a atención das persoas refuxiadas na comunidade galega.
O bloque sobre o voluntariado terá lugar a partir das 11.30 horas, cun coloquio de galegos solidarios. Neste contexto, participarán Peter Punk, de Pallasos en Rebeldía e desprazado ao campo de refuxiados de Idomeni, Celia López, voluntaria en Lesbos, e Javier Losada, gardacostas do Pesca I e desprazado ao mar Exeo.
O seguinte tema, sobre a cobertura mediática e o uso de novas ferramentas de comunicación, abordarase mediante unha mesa redonda, que se iniciará ás 12.30 horas coa intervención de Nour Al-Hussen Villa, politóloga galega-siria, José Luís Barreiro, xornalista e responsable de comunicación da ONG Entreculturas de Vigo, Cristian López, xornalista freelance, e Héctor Ortega, licenciado en Dereito.
A xornada pecharase ás 13.30 coa presentación da exposición fotográfica "Exodus: o drama dos refuxiados en Europa", que se exhibirá na entrada do Pazo da Deputación de Pontevedra ata o 31 de maio.
A mostra, que se trasladará a todos os concellos que así o demanden, está composta de imaxes tomadas polos fotoxornalistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago entre setembro e outubro do ano pasado, e reflicte as vivencias das persoas refuxiadas na súa viaxe polos Balcáns e Lesbos.
Segundo a Organización Internacional para Migracións, no 2015 chegaron a Europa 1,2 millóns de refuxiados e preto de 3.000 persoas faleceron no Mediterráneo durante o éxodo. A presidenta da Deputacion, Carmela Silva, referiuse a estas cifras para esixirlles aos gobernos de España e da Xunta que promovan "medidas reais" de acollida ás persoas refuxiadas.