A Deputación non estará no stand de Galicia en Fitur despois dun novo "encontronazo" coa Xunta

Pontevedra
10 de xaneiro 2022

A administración provincial non formará parte da caseta de Galicia na Feira Internacional de Turismo que se celebrará de maneira presencial do 19 ao 23 de xaneiro en Madrid despois dun "novo encontronazo que provoca a Xunta". Nun comunicado a Xunta lamenta que a Deputación de Pontevedra "rache a unión de Galicia"  

Carmela Silva, presidenta da Deputación
Carmela Silva, presidenta da Deputación / Mónica Patxot

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que a administración provincial non formará parte do stand de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebrará do 19 ao 23 de xaneiro en Madrid despois dun "novo encontronazo que provoca a Xunta".

Segundo explicou Carmela Silva, o pasado mércores 29 de decembro "a moi poucos días de estar en Fitur" e por tanto "con moi pouca antelación", a Xunta comunicou á Deputación de Pontevedra que a presentación de Turismo Rías Baixas sería o 20 de xaneiro ás doce do mediodía, cunha duración máxima de 20 minutos e cun aforo limitado a 37 asistentes e que "a primeira fila, que conta con cinco asentos, estará reservada e ao dispor da Xunta de Galicia".

"Entenderán a nosa sorpresa. Quedamos boquiabiertos", sinalou Carmela Silva. Así llo fixeron saber nun escrito de contestación ao goberno galego, apuntando que estarían "encantados" de que ocupe a primeira fila, por exemplo, o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, pero rexeitando reservar toda esa primeira liña de asentos para a Xunta.

Este luns chegou a contestación da Xunta na que lembran á Deputación que o stand é da administración autonómica "como propietaria e promotora" e por tanto, explicou Carmela Silva "son eles os que deciden".

"Eu non comparto esta forma de ver a política", dixo a presidenta da Deputación de Pontevedra, que non entende que os cinco representantes da Xunta ocupen ese lugar destacado cando "nin coñecen a campaña, nin nos preguntaron, nin achegan un só euro á nosa campaña, nin hai ningún tipo de colaboración", algo que veu reclamando de maneira reiterada para que se fagan promocións compartidas.

"É intolerable", valorou Carmela Silva sobre este "novo elemento de confrontación inútil". 

Silva denuncia que a Xunta "entende que aquilo que xestiona é o seu patrimonio, que é seu, que son os donos da administración autonómica, cousa que non é certa", e engadiu que "as administracións son do pobo, son da xente".

Carmela Silva recalcou que a Deputación de Pontevedra acode a Fitur para vender o destino turístico das Rías Baixas e faio "acompañados de alcaldes e alcaldesas de todas as cores políticas" e tamén a representantes do sector turístico que "sempre teñen un lugar predominante" porque "nós non imos facer política partidaria" nin tampouco acoden á Feira Internacional de Turismo "a dar mitins políticos". 

"Nin pretendemos sentar nas primeiras filas a xente que probablemente esteamos a pensar que sexan candidatos nas seguintes eleccións municipais", engadiu.

A presidenta provincial reivindicou que a Deputación de Pontevedra "co seu traballo está a conseguir que sexamos a gran referencia turística de Galicia" e anunciou que "imos estar en FITUR e con grandes noticias para esta provincia" pero será "noutro espazo" dentro da feira madrileña. Os detalles serán desvelados este xoves nunha rolda de prensa. 

A XUNTA LAMENTA QUE SE ROMPA A UNIDADE DE GALICIA

Nun comunicado, a Xunta aclara que pediu a todos os organismos que van facer uso do espazo que reservaran cinco asentos para os representantes autonómicos, tal e como explicou por carta a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, aos organismos e entidades invitados a participar no encontro. 

"Con esta medida queríase, ademais, evitar que se repetira a escena da pasada edición, na que a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, tratou de expulsar do stand do goberno galego á propia delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, como recolleron as testemuñas e as imaxes da xornada", afirma este comunicado.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, sinalou que aceptar ou non a invitación a participar no stand da Xunta era voluntario, pero que "non deixa de ser significativo" que das máis de 40 administracións e institucións ás que a Xunta convidou a participar en Fitur, a Deputación de Pontevedra fora a única, a día de hoxe, que manifestara a súa negativa a presenza da Xunta no stand da propia administración galega.

Nava Castro lamentou a decisión da Deputación de Pontevedra, que "racha co tradicional uso compartido do stand, que serve de espazo común para toda Galicia". "Eu non sei a quen lle pode molestar que se reserven 5 asentos de 37 salvo que o que se busque sexa unha política de confrontación, unha vez máis", engadiu. 

Castro aludiu tamén ao episodio sufrido na pasada edición de Fitur, que a directora de Turismo de Galicia cualificou como "unha falta total de cortesía institucional por parte de responsables desta institución provincial".

Arquivado en